Carnota celebra as Letras con teatro, música e maxia

CARNOTA

Laura Rodriguez

O programa ideado polo Concello inclúe un concerto de Mamá Cabra

02 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

En maio tivo que conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica a Ricardo Carballo Calero, con propostas virtuais, pero como a Real Academia Galega trasladou a festividades ao 31 de outubro, o Concello de Carnota quixo sumarse á celebración cun programa que inclúe teatro, música e maxia. Son, na súa totalidade, actividades dirixidas ao máis pequenos.

A primeira delas terá lugar esta mesma tarde e consistirá nun espectáculo teatral a cargo de Pérez & Fernández, titulado A Tortoise, un can, two monsters e un pícnic. As familias que se dean cita na casa consistorial ás 17.30 horas poderán gozar dunha sesión de contos en galego e inglés.

O vindeiro xoves collerá o relevo, enriba do escenario de Carnota, A Tropa de Trapo, compañía que chegará cunha obra de teatro de obxectos e música. Barquiño de pau é unha función dirixida a nenos de ata 6 anos.

O Mago Paco desembarcará na vila o día 9, disposto a sorprender aos nenos cun espectáculo no que os trucos se mesturan coa narración oral. O 23 serán Gloria Mosquera e Tomi López, integrantes de Mamá Cabra, os que recalen en Carnota co seu último repertorio, Patrimonio natural.

A programación deseñada polo Concello para este atípico Mes das Letras concluirá o 28 da man da compañía Ghazafelhos, que presentará As pitas baixo a choiva. Trátase dunha adaptación teatral dun relato de Carballo Calero.

Todos os espectáculos terán lugar no salón de actos da casa consistorial de Carnota ás 17.30 horas. Posto que o aforo é limitado, recoméndase realizar a reserva con antelación chamando ao 981 106 331 ou enviando un correo electrónico a cultura@carnota.gal.