Juan Manuel Saborido: «Era de sentido común que Carnota podía dar moito máis do que daba»

a. parada RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

CARMELA QUEIJEIRO

O novo executivo logrou materializar vellas demandas veciñais en só nove meses

25 jun 2020 . Actualizado a las 10:59 h.

Juan Manuel Saborido e o seu equipo lograban hai nove meses un fito histórico en Carnota: formar o primeiro goberno socialista da historia do municipio. Arrancaba así un primeiro ano de mandato cargado de proxectos destinados a solucionar vellas demandas veciñais, un traballo que se atopou de cara coa crise sanitaria internacional. Con todo, o executivo carnotán logrou cumprir os primeiros retos fixados e xa mira ao futuro para sacar adiante os restantes.

-Como chegaron á alcaldía e que balance fai deste comezo?

-Chegamos como un equipo mozo e renovado que viña de dúas contendas electorais con resultados que non foron os esperados. Apostamos por unha campaña en positivo, percorrendo as parroquias, e levando á xente as nosas propostas, centradas en dous eixes dos valores do PSOE, como o dos servizos sociais e o desenvolvemento da nosa economía. Era de sentido común que Carnota podía dar moito máis do que daba.

-Reforzaron unha área clave no futuro xusto antes da pandemia.

-Si, non había previsión dun, como din os mariñeiros aquí, trapallón deste calibre. Teño que dicilo, estabamos a facer un proxecto para catro anos, non pensabamos que en seis meses puidésemos resolver unha cuestión de toda a vida. Démoslle unha volta total e temos a 12 profesionais, 12 mulleres, traballando a xornada completa e atendendo todos os casos de necesidade do municipio. Non o conseguimos con ningunha estratexia, senón indo a onde tiñamos que ir, e en Política Social fomos ben recibidos. Pasamos de 800 horas de atención a 1.600.

-E no eido económico?

-Estamos brindando apoio a unha conserveira para mellorar todo o que sexa posible. O noso enxeñeiro está estudando, de forma conxunta con eles, a viabilidade de ampliación para novas liñas de traballo. De feito, case se duplicou o número de empregados. A idea é apostar por unha nova filosofía de empresa, a de quedar en Carnota e mellorala. Tamén estabamos pendentes de iniciar traballos de colaboración cunha granxa de rodaballo do municipio. Non imos deixar de lado ningunha medida que poida servir de axuda.

-O covid-19 provocou algunha parálise de cara á tramitación de proxectos ou inversións?

-Foi incrible como se respondeu nun concello coma o noso. Quedou demostrado que o teletraballo é totalmente factible no rural e moito máis produtivo, sobre todo nos casos de conciliación. Todos os procesos administrativos coa Xunta e Deputación, uns trámites que podían levar ata outubro do mesmo exercicio, a día de hoxe están feitos dende hai un mes.

-Que actuacións se realizaron e cales lograron garantir?

-Completamos a dotación de saneamento, pluviais e pavimentación no Pindo, no contorno da capela. En Lira e en Mallou están en curso os seus empedrados. As futuras actuacións irán na mesma liña. Imos crear un parque infantil en Carnota e completar varios saneamentos en Lira e Sofán, así como facer unha estrada ao Cornido. No contorno do faro de Lariño retiraremos o peche do antigo campo de fútbol para crear unha zona verde, con espazos peonís e unha pista de pádel.

«Dende o minuto cero fixemos desinfeccións e a día de hoxe aínda seguen a facerse»

A irrupción da crise sanitaria foi a primeira proba de lume para o novo executivo carnotán, un reto do que o alcalde destaca a resposta dos empregados municipais, xa que todos mantiveron o traballo de forma telemática. Saborido, xunto á tenente de alcalde e todo o corpo da Policía Local e Protección Civil, acudiron cada día ao consistorio.

—Que medidas tomaron para frear a pandemia?

—Antes gustaríame destacar que non lle quero faltar ao respecto a ninguén, porque todos estivemos á altura das circunstancias. Dende o minuto cero fixemos desinfeccións e a día de hoxe aínda seguen a facerse. Da man dunha empresa coa que xa tiñamos relación, dende o 14 de marzo fanse dúas desinfeccións semanais nos tres centros de saúde. A maiores fixemos semanalmente o mesmo nos locais sociais, centros educativos, auditorio, polideportivos, todas as infraestruturas públicas.

—Carnota foi solidaria?

—Recibimos a chamada do hospital Virxe da Xunqueira solicitando colaboración. A Policía Local recordou que aínda quedaban máscaras, gafas protectoras, luvas e gorros de cando tivo lugar o desastre do Prestige. Entregámolas e deixamos unha partida para nós, que repartimos aos traballadores esenciais da vila. Logo contactamos co director dunha entidade bancaria para poder levarlle as pensións aos maiores, igual que se fixo cos libros dos rapaces. Impulsamos tamén un programa para levar a compra ás casas e mercamos máscaras que repartiron os panadeiros para chegar a todos os fogares.

«Non é suficiente, queremos un reforzo da atención primaria e a renovación dos centros de saúde»

A pesar dos logros conseguidos en materia de servizos sociais e de garantir a realización das principais actuacións a efectuar, o rexedor carnotá adianta que aínda quedan moitos retos de futuro.

—Cales serán as vindeiras liñas de traballo durante o mandato?

—O importante é seguir fortalecendo os servizos públicos e ter esa opción de ser autónomos. Recibín unha nova gratificante, imos ter que habilitar unha nova aula no colexio polo aumento de alumnos, polo que medrou a natalidade. O futuro de Carnota é a suma dun turismo e duns recursos pesqueiros e hostaleiros de calidade. Continuamos a traballar no plan xeral de urbanismo e vai avanzado; un PXOM que reducirá o territorio sobre o que botar cemento.

—E cal é o futuro de Carnota en materia de sanidade?

—Quero recoñecer o esforzo colectivo realizado polos concellos da Costa da Morte para que os nenos con déficit de atención poidan ir a un centro no Ézaro e non a Santiago como antes. Pero hai un punto no que non estamos conformes, porque non é suficiente, queremos un reforzo da atención primaria e a renovación dos centros de saúde.

«Estase a valorar a creación dunha universidade de idiomas na reitoral de Santa Columba»

O patrimonio histórico e natural son dous factores clave en Carnota para comprender o seu importante potencial turístico.

—Lograron traballar a tres bandas para salvar un monumento nacional, o hórreo de Carnota.

—Ademais, estamos traballando coas reitorais de Lira e Carnota. Cando foi o do hórreo aproveitei para trasladarlle ao arcebispado a necesidade de actuar. Hai interese privado en facer algo alí, estase a valorar a creación dunha universidade de idiomas na reitoral de Santa Columba. Confío en que chegue a bo porto, é un punto emblemático que está en abandono e para o Concello é moi importante recuperalo.

—Antes mencionou a actuación no antigo campo de fútbol de Lariño, será un reforzo de cara ao proxecto hoteleiro do faro?

—Efectivamente. A través do deputado socialista Pablo Arangüena citamos a outros deputados galegos en Madrid para impulsar o proxecto. Temos un faro abandonado nun entorno privilexiado que podía ter un uso de promoción económica no concello, creando postos de emprego e un efecto chamada. Necesitabamos proxectos como este para darlle máis valor engadido ao turismo.

«O BNG tivo unha resposta totalmente contraria á que mantivo o PSOE»

A campaña das últimas municipais estivo marcada en Carnota por un incremento da tensión entre o Bloque e o PSOE. O rexedor recoñece que a relación non é a mellor posible, pero destaca a comunicación mantida coa oposición no estado de alarma.

—Como é a relación co resto dos grupos da corporación?

—O BNG tivo unha reposta totalmente contraria á que mantivo o PSOE dende sempre. Non obstante, durante o estado de alarma estivemos en contacto. Comunicábame por teléfono cos voceiros de cada grupo cada 15 días, a non ser que ocorrese algo excepcional.