Cristina Pichel:«A zona rural constitúe un dos nosos grandes potenciais no eido turístico»

Para amosarlle aos mozos as posibilidades que ofrecen as aldeas, a Xunta lanzou unha nova edición de Xunvetur, un programa para o que foi seleccionado Carnota


ribeira / la voz

Fixar poboación no eido rural é un dos grandes retos aos que se enfronta Galicia. Para conseguilo, os cidadáns, sobre todo os mozos, teñen que ver nas aldeas posibilidades de emprender o seu negocio e de gozar do seu tempo libre. Ese é un dos fins que persegue Xuventur, un programa dirixido a persoas de 18 a 35 anos, que terán a posibilidade de pasar unha fin de semana, en estadías de venres a domingo, nun dos oito territorios seleccionados: Valdoviño, Cervantes, Terra de Trives, Baixo Miño, A Estrada, O Courel, O Xurés e Carnota. No municipio barbancés, os participantes terán ocasión de practicar sendeirismo polo monte Pindo, de visitar a cascada do Ézaro e mesmo de recoller plásticos nunha praia. Ademais desa parte lúdica a iniciativa ten outros obxectivos, que son precisamente os que destacan os seus promotores, entre os que se atopa a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

-Cando e como se produce a posta en funcionamento do programa Xuventur?

-É un programa que se vén facendo desde o 2010, pero nesta última etapa relanzouse a convocatoria collendo como base tres piares que consideramos fundamentais: darlle formación á mocidade no eido da educación non formal, favorecer espazos de ocio e chegar ao patrimonio cultural e natural. É un plan vinculado a espazos rurais.

-A que se debe esa aposta polo rural?

-Nesta ocasión, a Consellería de Política Social, á que pertence a Dirección Xeral de Xuventude, impulsa o plan en colaboración con Cultura e Turismo, que é o departamento que se encarga da elección dos lugares, mentres que nós asumimos a organización das actividades. Sabemos que a zona rural constitúe un dos nosos grandes potenciais no eido turístico, polo que temos que promover o turismo interior. No caso de Carnota, é un lugar vinculado a ese eido rural, pero tamén conta con mar, o que ofrece a posibilidade de realizar aínda máis actividades. É un marco incomparable e os beneficiarios de Xuventur van ter ocasión de coñecer paraxes únicas como o monte Pindo e a fervenza do Ézaro.

-O programa tamén ten un compoñente importante de carácter formativo?

-Si. O programa deseñado para cada lugar é diferente. Hai desde actividades ambientais ata tecnolóxicas, pasando por propostas máis lúdicas coma barranquismo, espeleoloxía ou surf. Para esa parte máis formativa, o que se propón é un simil entre os percorridos naturais e os vitais, de forma que os participantes empreguen a natureza para atoparse a si mesmos e poidan así explorar as súas vocacións profesionais. Trátase de ver que capacidades e habilidades teñen para aplicalas ao seu desenvolvemento profesional.

-Un paquete lúdico e formativo coma este, que ademais ten carácter gratuíto, terá unha elevada demanda...

-Si. Abrimos a inscrición un día ás 9.00 e ás 12.00 xa había máis de 600 anotados, que é o límite. Iso empúrranos a seguir aumentando o número de prazas ano a ano. Nesta ocasión xa se ofertaron máis que no 2018 e para o 2020 haberá que seguir sumando.

-Como son os usuarios tipo deste programa?

-Hai de todo, tanto residentes en zonas urbanas como rurais. As idades están sobre todo comprendidas no período universitario, pero como tiñamos solicitudes de maiores de 30 anos nesta edición incluso incrementamos o rango ata os 35.

-Búscase que estes mozos axuden a fixar poboación no rural?

-Fixar poboación no rural é un dos obxectivos da Xunta de Galicia a nivel xeral. De feito, hai diferentes liñas de axudas neste sentido. O que busca Xuventur é dar a coñecer as potencialidades que ten o medio rural; as propias casas de turismo nas que se aloxan os participantes constitúen unha empresa en si mesma. Temos outros programas que perseguen ese mesmo fin, como En Rural, que favorece a realización de prácticas en empresas da zona rural.

-Vese no turismo un dos grandes potenciais para favorecer esa fixación de poboación?

-Non é a única opción, pero está claro que é unha posibilidade interesante. Ademais nestes momentos vive un forte impulso motivado polo Xacobeo 2021.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Cristina Pichel:«A zona rural constitúe un dos nosos grandes potenciais no eido turístico»