Francisco Xosé Fernández: «Os petróglifos din o que somos»

Turismo a toda costa | Chisco leva dous veráns conducindo as rutas nocturnas pola arte rupestre de Carnota

M. G.
Ribeira / LA VOZ

A historia de Francisco Xosé Fernández, máis coñecido como Chisco, é a historia de como unha afección pode acabar converténdose nun traballo. Despois de varios anos seguindo a arqueólogos e historiadores, e despois de ter escrito un libro con eles, Chisco incorporou unha nova faceta ao seu labor como escritor, a de guía: «Ao andar con expertos nas pinturas rupestres chegas a aprender algo. Eu amo este país e amo esta xeografía e, ao fin e ao cabo, a miña función como divulgador é compartir coñecementos cos demais. Gústame moito que a xente aprenda a querer os petróglifos e tamén que poida ver máis aló do evidente as cousas que están agochadas. Hai que transmitir un pouco de amor por estes símbolos e así a xente aprende a non pisalos nin pintalos».

Este xa é o segundo verán que o escritor colabora co Concello de Carnota para realizar rutas nocturnas polos petróglifos da zona, e pode dicir que a xente marcha completamente satisfeita coa experiencia. «O ano pasado duplicouse a cota que puxemos como límite, e este ano, na andaina que fixemos en xullo, veu un matrimonio maior que saíra de Castellón ás catro da mañá e só viñera a Carnota para este percorrido, porque o hotel tíñano en Santiago», conta Chisco gratamente sorprendido.

Moitos exemplos

Nestas andainas fanse percorridos polo patrimonio de Carnota, incluíndo, entre outros aspectos temáticos, unha perspectiva dos faros da zona e a importancia histórica dos hórreos. Non obstante, os itinerarios teñen uns claros protagonistas: os petróglifos.

«En Galicia hai arredor duns 3.800 petróglifos, pero o conxunto de arte rupestre de Muros e Carnota para min é impresionante. Por exemplo, o de Laxe das Rodas é exactamente igual a un que hai na illa de Creta. En Carnota temos máis de 30 petróglifos e polas espadas que hai gravadas podemos dicir que son de hai 3.500 anos, xa que coinciden coas que temos nos museos arqueolóxicos. Son símbolos cun valor incalculable por seren moi complexos, pero tamén porque nos están explicando o que somos», sinala o escritor.

O feito de que as rutas sexan nocturnas supón un inconveniente para ver algúns destes conxuntos debido ás dificultades de acceso, pero é un requisito case imprescindible. «Vén xente que intentou ver petróglifos polo día, pero non distingue nada. Con nós quedan fascinados porque cando acendemos os focos vense moitísimas cousas. Claro, logo todo o mundo quere saber que significan e teño que dicir que realmente non se sabe», explica o guía destas andaina.

Próxima ruta

Segundo conta Chisco Fernández, na anterior edición participaron bastantes veciños de Carnota, pero o certo é que o público habitual destas andainas son turistas que están pola zona: «Na andaina de xullo eramos apenas catro persoas da bisbarra».

Para que tanto veciños como visitantes descubran este patrimonio, este mesmo venres pola noite terá lugar o seguinte percorrido programado este verán. A partir do punto de encontro, explicarase a historia dos hórreos, así como os antecedentes históricos que se coñecen do territorio de Carnota, coas respectivas paradas nos petróglifos de maior interese.

Debido ao aforo limitado desta actividade, 35 persoas, é preciso inscribirse previamente nas dependencias do Concello carnotán: «É necesario ter esta cota limitada porque é difícil manter a atención dun grupo moi grande. Moitas veces imos a zonas onde os petróglifos están distribuídos en varias pedras, e, como alumeamos por zonas, a xente pasa por riba dalgúns e pode danar os símbolos. Pola experiencia que tivemos, sabemos que 35 persoas é a medida perfecta para que funcione a andaina».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Francisco Xosé Fernández: «Os petróglifos din o que somos»