Emilio Louro: «Temos que aproveitar o noso patrimonio paisaxístico»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

parri

O cabeza de lista do Bloque ten claro cal debe ser o obxectivo do futuro goberno: «Facer de Carnota un lugar para vivir»

10 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de Carnota inicia unha nova etapa política coa renovación do seu cabeza de lista. Despois de catro anos de goberno nacionalista con maioría absoluta, Emilio Louro ten diante súa o reto de lograr a confianza dos veciños para dar continuidade ao proxecto frentista.

-Como afronta o reto de substituír a Ramón Noceda á cabeza da candidatura?

-Con moitas ganas e con moitísima ilusión, pero consciente de que o pavillón queda moi alto polo labor feito por Noceda. É certo que é un reto e intentaremos, cando menos, estar ao mesmo nivel, porque foi unha gran xestión a pesar da situación económica do Concello.

-Como están as contas do Concello?

-A situación de asfixia do primeiro mandato está superada e agora só queda unha débeda cos bancos que é asumible. A situación económica nada ten que ver coa herdada no seu día.

-Isto permitiralles desenvolver novos proxectos no caso de chegar á alcaldía, que iniciativas teñen?

-Hai un tema capital que queremos afrontar, que non é exclusivo de Carnota pero que nos afecta moi directamente: o declive demográfico e o despoboamento. Aí vai estar o noso gran obxectivo, crear as condicións para facer de Carnota un lugar para vivir e para fixar poboación.

-Non semella unha tarefa sinxela.

-Temos que establecer unha relación positiva co mar e coa terra, ver que recursos temos e como explotalos. Estamos nun enclave inmellorable e temos que aproveitar o noso patrimonio paisaxístico e ambiental para facelo rendible a nivel turístico. Outra das cousas que queremos poñer en marcha é un viveiro de empresas para dotar dun espazo para poder arrancar ás persoas que queiran montar un negocio en Carnota.

-E para a veciñanza en xeral?

-Cremos na democracia participativa polo que pretendemos crear un consello local de participación veciñal, e recuperar servizos que se perderon, coma o centro de día.