Agustín González Dosil: «O reto é difícil, pero eu confío na xente do meu concello»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

JORGE PARRI

O candidato popular en Carnota ten un reto dobremente complicado: recuperar o goberno municipal e recompoñer a agrupación local

20 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun escenario de candidatos máis que asentados, a que polo momento é a única cara nova entre os aspirantes do PP ás alcaldías da zona ten un reto dobremente complicado: recuperar o goberno de Carnota e recompoñer a agrupación local. A pesar de que acaba de chegar á política, Agustín González Dosil é plenamente consciente do que lle queda por diante para intentar cumprir as expectativas depositadas nel, pero tamén de que o segredo do éxito está en sentar unhas bases sólidas.

-¿Que fixo que se animara a ser nada menos que o cabeza de lista do PP?

-Sempre estiven en contacto coa xente do partido e animoume a dar o paso a dirección provincial. Propuxéronmo despois de estar agardando a que alguén se presentara a unhas primarias, pero non se postulou ninguén. Isto quedou desfeito despois das últimas eleccións.

-Daquela ten unha complicada tarefa por diante.

-Si, o reto é complicado. Estamos facendo un equipo con xente nova, moi motivada, e tamén contamos con persoas que xa estaban no partido e que queren seguir colaborando. Aínda que o certo é que a xente segue estando moi desanimada, pola política en xeral, por todo o que se ve na televisión... Pero a nivel local eu creo que o máis importante é o factor humano, é imprescindible, e creo que vai influír máis iso na xente que o propio partido co que te presentes. Está claro que hai votos que xa os tes, pero ao resto telos que conquistar.

-¿Con que obxectivo se presentará ás eleccións?

-O obxectivo principal sempre é gañar a alcaldía, claro, pero xa se verá. O PP baixou moito nas últimas eleccións, a xente foise desanimando e temos que empezar pouco a pouco, esperamos conseguir ilusionar de novo.

-¿Xa está definido o plan de campaña para conseguilo?

-Agora mesmo estamos traballando o equipo, temos que ir agrandando a nosa base, ese é o obxectivo máis inmediato, logo xa pensaremos na estratexia da campaña. O fundamental é ter unha base sólida, e necesitamos xente que queira colaborar e que teña ilusión. O resto xa o iremos definindo. O traballo de percorrer as parroquias na campaña haino que facer, pero non creo que eses 15 días sexan determinantes para conseguir votos. O que penso é que a campaña serve para aclararlle certas cousas á xente, responder ás súas dúbidas, e non podes mentir porque perderás a súa confianza. Se dis algo, se chegas á alcaldía tes que cumprilo, esa é a función do alcalde, a de servir.

-De momento, é a única cara nova entre os candidatos do PP na comarca, ¿danlle consellos os seus compañeiros?

-Algún si, pero sobre todo danme ánimo, saben que a miña situación é complicada. É certo que o reto é difícil, pero eu confío na xente do meu concello.