A festa comeza en Carnota cunha solta de libros

La Voz

CARNOTA

ALBERTO LÓPEZ

Nun posto que hoxe se instalará no mercado, os veciños poderán facerse co exemplar que desexen

03 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Praza da Solaina (O Pindo, Carnota) • De 11.00 a 13.00 horas • Unha solta de libros abrirá en Carnota o programa de actividades promovidas polo Concello para festexar o mes das letras por excelencia. Nun posto que se instalará no mercado, os veciños poderán facerse co exemplar que desexen. Trátase de obras que proceden dos excedentes e das baixas da biblioteca municipal.

Esta será a primera actividade do programa cultural deste maio, pero non a única. Para o vindeiro mércores (casa consistorial, 17.30 horas) hai previsto un espectáculo de narración oral e música en directo a cargo de Fabaloba e Luís Prego, titulado Un bico para alí. A iniciativa está dirixida a nenos de 0 a 6 anos e requírese inscrición previa.

O día 17 será o contador Pablísimo o que desembarque na localidade (casa consistorial, 17.00 horas) para agasallar aos nenos cunha boa ración de entretidas historias. Neste caso, a entrada será libre e sen inscrición.

Función de Talía

A compañía Talía recalará en Carnota o día 25, para presentar Bicos con lingua, unha comedia que convida ao público a reflexionar sobre os usos e abusos da lingua galega. E o 29, Trinke Trinke chegará cunha montaxe para os bebés: Paxariños. Neste caso, como o número de prazas é limitado, as familias interesadas en acudir deberán anotarse previamente na casa consistorial.

A programación cultural deste mes concluirá en Carnota o 27 cunha camiñada popular, unha ruta de sendeirismo de 11 quilómetros polos muíños de Vadebois, Panchés e A Curra. Para participar é preciso inscribirse e o prazo para facelo rematará o vindeiro 21.