Alonso Caxade: «Neste vídeo, Carnota queda retratada como un auténtico paraíso natural»

Ana Lorenzo Fernández
ana lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

CARNOTA

sande

O artista é o responsable da banda sonora da campaña turística do municipio

05 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que non naceu tocando, ben podería parecer, porque desde moi pequeno Alonso Caxade amosou unha destreza especial por sacar notas musicais de todo tipo de instrumentos, a pesar de que ten especial predilección polo acordeón. Toda esta traxectoria valeulle para ser elixido para compoñer a banda sonora da nova campaña publicitaria do Concello de Carnota.

-¿Como xurdiu este proxecto?

-Curiosamente, o vídeo fíxoo unha empresa que se chama Aba Films, coa que eu colaborara de maneira esporádica na gravación dun programa hai varios anos. Sempre quedou a promesa de que tiñamos que facer algo xuntos e, cando xurdiu a oportunidade, chamáronme. Tamén é certo que Carnota é un Concello que andaba detrás da música de Caxade desde hai tempo, que quería levarnos a tocar aí, e este ano déronse as dúas cousas ben: imos ter un concerto en Carnota e fixen a música para o vídeo.

-¿Coñecía Carnota?

-Si que o coñecía, non porque pasara moito tempo, pero eu traballei nunha escola de Fisterra dous anos e, como ía e viña, Carnota era un deses sitios nos que, cando tiña un pouco máis de tempo, facía unha excursión e ía a dar unha voltiña pequena.

-¿En que se inspirou para a banda sonora desta campaña de promoción?

-Eu traballei sobre o vídeo practicamente definitivo, cando apenas só o vira a corporación e pouco máis. Neste vídeo aparecen imaxes espectaculares e, aínda que eu coñezo Carnota, a verdade é que me sorprendeu. É certo que calquera imaxe aérea de Galicia conquista. Neste vídeo, Carnota queda retratada como un auténtico paraíso natural; un lugar que todo o mundo debería visitar. O que fixen con esas imaxes, e aproveitando que me deron carta branca, foi poñerlles música cun estilo minimalista entre o indie, o folk e o pop, cun toque bucólico que penso que lle queda moi ben, utilizando os instrumentos habituais de trompeta, trombón, batería, acordeón, violín.

-A pesar de que é acordeonista, tamén toca outro tipo de instrumentos.

-Si, con algúns con máis soltura que con outros [risas]. Son gaiteiro desde que teño uso de razón, ou desde antes. Estou conectado coa música tradicional desde sempre, e coa máis formal ou máis clásica a través do conservatorio onde estudei acordeón. E logo sempre me interesou moito o mundo das bandas de música. Ademais, estudei bombardino, sei algo de trombón, e ando rascando un pouco en todos os instrumentos de vento e metal.

-¿En que proxectos anda metido agora?

-Xustamente, o pasado venres acaba de estrearse a obra Casa o rei, de Ibuprofeno Teatro, á que lle fixen a banda sonora, e este traballo tívome ocupado moito tempo, incluso coincidindo co encargo do vídeo de Carnota. A verdade é que estou no medio da allada entre compoñer músicas para outras persoas, que non é algo moi habitual para min. Eu sigo sendo máis músico de directo que de estudio, pero compoñer tamén é algo que me apetece. Sobre todo para o proxecto de Carnota, que é un concello pequeno que está apostando moito por innovar cunha proposta visual clara, e así quedou demostrado na presentación doutro día.

-¿Como se presenta o verán?

-Moi ben, temos varias datas xa pechadas para os próximos meses. O concerto de Carnota será o 31 de marzo, e logo tamén estaremos en Boiro, Cervo, Carballo e Negreira. No verán tamén iremos de xira cunhas 15 ou 20 actuacións.

-¿Hai previsión de gravar disco?

-Si, esa previsión está en mente. A miña idea é sacalo o próximo inverno. A verdade é que a xira de presentación do último disco foi interrompida polos proxectos das bandas sonoras. Agora retomamos esa xira e, despois do verán, comezaremos co novo traballo.