Seguindo a liña de actuación que o pasado verán se desenvolveu na Torre dos Mouros, un importante xacemento arqueolóxico de Carnota, o vindeiro día 15 arrancará un proxecto no castro de Mallou. Trátase dunha intervención na que a arqueoloxía camiñará parella da cultura co obxectivo de que a zona sexa de novo un punto de interese turístico.
Baixo a dirección de Antón Malde e a coordinación de Manuel Gago, un equipo de arqueólogos tomarán o castro, situado nas inmediacións da Torre dos Mouros, nunha semana. O seu cometido non será outro que o de recuperar o xacemento, que se atopa nun avanzado estado de abandono, e realizar sondaxes co fin de completar o traballo feito hai cinco anos, co fin de confirmar datos como o período de ocupación, que se calcula que acadou o seu teito na segunda Idade de Ferro.
Para espallar a información que vaia xurdindo e alentar aos curiosos e aos afeccionados á arqueoloxía a visitar a zona, todo o proceso será difundido practicamente en directo a través das redes sociais e de unha páxina web creada para a ocasión. Incluso está previsto repetir as «barferencias», charlas informais de expertos en bares da localidade, que tanto éxito acadaron o pasado verán.
Programa cultural
A intervención arqueolóxica complementarase cun importante programa cultural. Un escritor local, Francisco X. Fernández Naval, coordinará un obradoiro de relato histórico, que incluirá sesións de traballo literarias que se alternarán con xornadas de limpeza no castro e integración cos responsables da escavación. Desa experiencia sairá unha obra, unha compilación dos relatos feitos por cada un dos escritores que participen no obradoiro e do propio Fernández Naval.
Pero a vida non só regresará ao castro de Mallou sobre o papel. Unha recreación teatral pretende converter o xacemento nun escenario. Enriba del situarase un elenco do que formarán parte, entre outros, Miguel de Lira, Soledad Felloza e Rubén Ruibal, aos que poderán sumarse os veciños do lugar.
O ambicioso proxecto complétase cun obradoiro de artesanía, no que se tratará de recrear formas da Idade de Ferro desde a estética contemporánea. Encargarase Nacho Porto.