Artesanía, literatura, música e moito baile na Romaría das Letras

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

A presidenta de Barbantia, María Jesús Blanco, e a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, presentaron a nova edición da Romaría das Letras
A presidenta de Barbantia, María Jesús Blanco, e a concelleira de Cultura de Boiro, María Outeiral, presentaron a nova edición da Romaría das Letras Elena Fernández

A iniciativa, organizada polo Concello de Boiro e Barbantia, celebrarase o 17 de maio cun amplo programa cultural e festivo

23 abr 2026 . Actualizado a las 18:30 h.

O histórico pazo de Goiáns volverase converter o vindeiro domingo 17 de maio no epicentro das letras e a tradición galegas. O Concello de Boiro e a asociación cultural Barbantia veñen de presentar a décimo quinta edición da Romaría das Letras do Barbanza, unha cita consolidada para conmemorar o Día das Letras Galegas.

A concelleira de Cultura, María Outeiral, e a presidenta de Barbantia, María Jesús Blanco, foron as encargadas de debullar un programa que arrincará ás 11.30 horas coa apertura dun mercado de artesanía e literatura. Neste espazo daranse cita colectivos como as palilleiras de Porto do Son ou as ganchilleiras de Bealo, xunto con diversas librarías da comarca e unha exposición dedicada a Begoña Caamaño, homenaxeada co Día das Letras Galegas 2026.

A xornada estará marcada polo folclore e a música en directo. Ao mediodía, a Eira do Pazo acollerá o baile galego de Xilbarbeira e Abanqueiro, seguido dun concerto sesión vermú con Maricarme no xardín do pazo ás 13.00 horas. Tras o tradicional xantar popular, que estará amenizado por Os Pequenos do Barbansa, a actividade dividirase entre a zona infantil no pombal e os actos institucionais no interior do edificio.

Obradoiro creativo

No apartado literario, Barbantia coordinará as presentacións das obras Elas, de Xulio Gutiérrez —que incluirá un obradoiro creativo coa ilustradora Lucía Cobo—, e A Compostela de Begoña Caamaño, de Encarna Otero. A tarde continuará con máis baile galego a cargo de Aroa e Abeloura, para finalizar cun gran concerto de Os D'abaixo ás 19.00 horas.

Desde a organización convidaron a toda a veciñanza a sumarse a esta «festa da nosa cultura e da nosa lingua», animando aos asistentes a participar lucindo «algunha peza do noso traxe tradicional». O evento porá o seu punto final ás 21.00 horas tras case dez horas de actividade ininterrompida.