Ao pintar o corpo descendido, Rubens debuxa unha escena universal: a dun home que, carrexando o peso doutro, atopa o sentido da súa propia existencia
12 abr 2026 . Actualizado a las 09:43 h.Tres de abril. Venres Santo. Venres de Paixón. Cae a noite sobre Boiro cando a procesión do Desencravo sae da igrexa de Santa Baia. Baixo a dirección da Confraría do Cristo da Misericordia, o desfile dos pasos causa unha enorme admiración entre as numerosas persoas reunidas nas beirarrúas por onde vai circulando lentamente ao ritmo que marcan os tambores e tamborileiros, envoltos na suave e delicada onda sonora de dúas bandas de música; a máis numerosa é a municipal.
A procesión, que recibe o mesmo nome con outros títulos noutros lugares, representa o momento posterior á baixada do corpo sen vida de Cristo para ser levado a un sepulcro para o seu soterramento. Namentres contemplas o acompasado discorrer dos protagonistas da representación, vanse facendo presentes dous rostros xa ausentes: o de José Joaquín Cortés Iglesias, cuxas cinzas serán colocadas na tarde de mañá xunto do cadaleito da súa nai no cemiterio de Vista Alegre; e o da irmá pequena do amigo Ignacio Castro Rey, Silvia. Un anxo na terra que retornou ao ceo, o seu fogar natural.
Un pouco máis tarde, rememoras as antigas procesións de Abanqueiro, a túa parroquia, que viñan desde o templo de San Cristovo até a capela de Exipto para completar o viacrucis. Recupera a memoria unha frase daquela época que estaba no Credo: «Descendeu aos infernos». Aquí, «inferno» non designa un lugar xeográfico, senón que nomea o punto máis fondo no que pode caer o ser humano, a humanidade. De aí vén tamén que a procesión sexa coñecida como El Descendimiento. Pregúntaste cantos lugares do mundo non están agora mesmo vivindo uns auténticos infernos: Ucraína, Gaza, Líbano e Oriente Medio… Fume, destrución e morte. E entón lembras o arranque dun poema de Nima Yushij (1889-1960). Di así o vate persa: «¡Oíd humanos, sentados en la orilla, riendo alborozados! Alguien en el agua está perdiendo la vida…». Yushij fíxose escoitar entre as xentes do seu pobo cunha voz escura, en cuxo fondo alumeaba o fulgor dunha luz temblorosa.
O que nós nomeamos como O Desencravo, é dicir, esa escena na que Xosé de Arimatea, María, a nai de Cristo, Nicodemo, Xoán o Evanxelista, María Magdalena e outros amigos e seguidores de Xesús, noutras comunidades cristiás dicían El Descendimiento, expresión que recolleron dous pintores holandeses para titular dous cadros coa mesma temática pero de formas distintas: Rubens (1577-1640) e Rembrandt (1606-1669).
Nas pinturas ao óleo dos dous artistas neerlandeses aparece plasmada unha intuición que a nós, tan acostumados como estamos a buscar o ascenso, o brillo, o éxito, a notoriedade, cústanos un enorme esforzo entender: o misterio do cristianismo non é tanto o poder divino, coma o do consentimento humano. É dicir: Cristo baixa, porque o amor, a fraternidade, non se pode quedar «arriba» E só nese “descenso” nós atopamos a verdade: só o que baixa coñece a altitude. Aínda con todas as diferenzas, nas telas dos dous pintores pódese afirmar que no corpo desencravado non hai derrota, nin fracaso, senón cumprimento. Talvez por iso mesmo as figuras que rodean o corpo de Xesús non amosan desesperación nin rabia, nin tensión algunha. Nos seus rostros adivíñase a presenza dunha serenidade e un silencio recén adquiridos.
Ao pintar o corpo descendido, Rubens debuxa unha escena universal: a dun home que, carrexando o peso doutro, atopa o sentido da súa propia existencia. E cando Rembrandt ilumina esa mesma escena, quérenos dicir: toda luz verdadeira aliméntase da sombra. É dicir: os dous afirman que Cristo non ascende. Déixase caer. O seu corpo esvara entre mans humanas. Nos dous casos poderiamos resumir: non é a alma a que sobe cara a Deus, senón que este baixa cara á alma. Noutras palabras: a divindade só se fai visible cando se amosa vulnerable.