San Mauro de Lampón

Alberto García

BOIRO

Acta de adquisición do alambique de San Mauro.
Acta de adquisición do alambique de San Mauro.

15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

O 15 de Xaneiro, o santoral católico celebra o San Mauro, que non é o mesmo que o santo Amaro navegante, descubridor da illa Paraíso na lenda galega que protagoniza. Amaro non constaba no santoral católico máis tiña moito arraigo popular e foi por iso que a igrexa o asimilou ao italiano San Mauro, que aparece co libro e o caxato na iconografía católica cando o santo Amaro se vincula a imaxes mariñeiras nas tradicións portuguesas e canarias. Mauro e Amaro polo tanto non son o mesmo santo, nin o mesmo nome, mais teñen unha historia vinculada.

Na parroquia de Lampón, no municipio de Boiro, hai un lugar chamado San Amaro no que cada 15 de Xaneiro (aproximadamente) se celebrou dende tempos inmemoriais a festa do San Mauro. Primeiro como celebración relixiosa, cas súas misas e oficios e a partir do 1985 acompañando ao santo, cunha celebración da vida colectiva e en comunidade que vale a pena contar.

Un ano antes, no 1984, a veciñanza do San Amaro decidiu asumir colectivamente as tarefas que viña desenvolvendo o Cañero, unha figura que aínda se recorda hoxe e que percorría as parroquias e lugares do país desenvolvendo a honrosa labor de converter o vagazo da uva no elixir espirituoso que servía tanto para curar os males da alma como os do corpo xa que a caña tanto valía para beber como para dar fregas, recompoñer osos ou elaborar apósitos para as moas picadas.

Alambique

Foi así que Francisco Tubío Hermo e un grupo de veciños do lugar do San Amaro compraron un alambique (ou pota) de forma colectiva para elaborar a caña e foi así como a partir de aquel ano, a celebración do San Mauro sería acompañada pola festa comunitaria e veciñal xerada ao redor daquel alambique. A celebración sería na eira do San Amaro, no chamado «lugar común» (as verbas son importantes) no que se compartían os dereitos de paso a galiñeiros e bodegas privadas. O horario da festa sería ao rematar a misa de 12.00 e a súa procesión, da que tomaría relevo o único gaiteiro dos pequenos de Tállara que a veciñanza contrataba como animación musical. Comeríanse no lugar común mexillóns fundamentalmente, acompañados co pan de millo que a señoras Flora e María a Caseira cocían para a ocasión. Regaríase todo con viño da casa ate a hora da tardiña na que o único gaiteiro dos pequenos de Tállara volvería tocar mentres se preparaba unha queimada e a señora Flora bailaba.

O 15 de xaneiro, que xa o era nas casas, sería dende aquel ano festa grande do lugar, pedindo as xentes libre no traballo para comer, beber e bailar. Celebrábase o San Mauro mais tamén a veciñanza, o lugar común, a comunidade que daquela se vivía moito máis que hoxe en día e que tanto podía ser fonte de conflito como sobre todo de convivencia, apoio mutuo e vida compartida.

E durou a festa ate o ano 97 aproximadamente, e deixouse de facer porque os vellos da comisión foron morrendo e por isto e polo outro. Pero como todo ciclo natural, a festa de San Mauro deixou semente e 25 anos despois, a neta de Victorino Vila Muñiz, un dos propietarios do alambique colectivo, xunto co seu irmá José Luís e Dolores García Tubío e Mari Luz Rial e os seus fillos, Pablo, que hoxe é presidente da comisión e Mauro (as verbas son importantes) que é o que máis rifas vende para poder traer aos herdeiros musicais daquel único gaiteiro dos pequenos de Tállara, recuperaron a festa, a celebración colectiva do seu lugar común, da súa veciñanza, da súa vida colectiva e en comunidade que valía a pena contar.

Alberto García elaborou este texto segundo a memoria colectiva de Ana Moares, familia e veciñas.