Marcos Fajardo, concelleiro de Deportes de Boiro: «Queremos que se poida ir dende Cabo a Escarabote polo carril bici»
BOIRO
O edil destaca o crecemento do ciclismo no municipio
02 oct 2024 . Actualizado a las 14:56 h.Marcos Fajardo, concelleiro de Deportes de Boiro, confía que o Día da Bicicleta deste domingo supere as expectativas e os rexistros das anteriores edicións. Para pensar iso baséase no éxito que ano tras ano mantén a cita, ademais do crecemento do ciclismo no municipio nos últimos tempos.
—Como encara esta nova edición do Día da Bicicleta?
—Con ganas. É unha cita moi arraigada xa no noso calendario e que conta coa participación de moita veciñanza. É un día importante para nós, porque serve para darlle importancia á bicicleta como medio de transporte e como actividade deportiva.
—Dende que chegaron ao goberno, fixeron unha firme aposta pola expansión do carril bici, como vai evolucionar esta proposta?
—Continuamos traballando para ampliar aínda máis a práctica do ciclismo. Neste mandato buscaremos ampliar o número de quilómetros de carril bici para darlle máis importancia, se cabe. Desgraciadamente non temos un clima moi adecuado para practicar este deporte durante todo o ano, maia que Boiro é un lugar moi propicio debido a contar con numerosas zonas chás. Queremos que a xente poida ir dende Cabo de Cruz a Escarabote en carril bici. Cremos que é unha boa forma de que os veciños se animen a montar en bicicleta.
—O Día da Bicicleta sempre se caracterizou por contar con un gran ambiente familiar.
—Si, dende o departamento de Deportes levamos traballando varias semanas para que todo saia ben e que as familias poidan desfrutar dun día especial no que destaquemos a bicicleta como medio de transporte e como ferramenta deportiva.
—Preocupa a previsión meteorolóxica para o domingo?
—Polo momento non contemplamos choiva. A medida que se vaia acercando o día e aumente a fiabilidade do prognóstico poderemos valorar. Evidentemente, se chovese moito veriámonos na obriga de aprazar a cita porque pode ser un perigo para os participantes circular co asfalto moi mollado. Esperemos que non sexa necesario adiala.
—Neste tipo de eventos sempre se require a presenza de numerosos voluntarios
—Si, existe unha gran sincronía entre voluntarios e equipos de emerxencias que nos permite levar a cabo con éxito grandes actividades como o Día da Bicicleta ou a andaina solidaria de Jealsa da semana pasada. Estarán numerosos deportistas do Club Ciclismo Barbanza e doutras entidades colaborando para que todo transcorra sen incidencias.
—Que lle diría a alguén que nunca se animou a participar?
—Diríalle se anime a sacar a bicicleta, pero non só este domingo, xa que o deporte é saúde. Boiro vai vivir unha xornada moi especial no Día da Bicicleta.