Juan José Ramallo: «Debemos afianzar a cooperativa ampliando o mercado local e a través de internet»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

O novo responsable de Ría de Arosa manifesta que os ingresos están por debaixo dos de antes da pandemia e que a directiva canaliza os seus esforzos a reducir os gastos

12 nov 2023 . Actualizado a las 19:02 h.

«Miramos pola empresa coma se fora a nosa casa», afirma Juan José Ramallo Torrado (Boiro, 1974), presidente dende hai pouco máis dun mes da Cooperativa Ría de Arosa. Encabeza un equipo que preparou a candidatura só uns días antes das eleccións «porque non había ningunha presentada».

Home de equipo, que fala sempre en plural cando se refire ao labor na entidade, Ramallo Torrado é unha persoa inquieta, directa e polifacética. Integraba como vocal a anterior directiva. Dende hai catorce anos traballa no equipo de emerxencias municipal, pero coñece ben o mundo do mar porque foi mariscador a flote en Cabo e porque asegura que «miña nai ensinoume os ollos das ameixas. Lévase no sangue».

—Que o levou a poñerse ao fronte da entidade?

—Reunímonos uns cuantos socios catro días antes das eleccións porque non había ningunha candidatura presentada e alguén lle tiña que botar a man. Doe que, vendo o que fixeron os nosos antepasados na parroquia, ninguén quixera asumir o compromiso.

—Cumpriron este ano medio século, poderían desaparecer de non haber candidatos?

—Iso sería unha pena, eu agardo que dure 50 anos máis como pouco. Se é polo feito de non ter candidatos, os estatutos establecen que, nun caso así, calquera dos socios se converte en elixible. Pode ser alguén que estea embarcado ou que polo seu traballo dispoña de pouco tempo. É preferible que haxa unha candidatura e ata agora nunca se dou o caso de que quedara deserto.

—Cales son os retos?

—Intentamos buscar o mellor funcionamento co menor gasto. Facemos un especial control nese aspecto porque as vendas baixaron, os prezos subiron e as economías familiares non poden permitirse moitos desembolsos. Os ingresos están por debaixo dos de antes do covid. Non se conseguiron igualar as cifras da prepandemia.

—Teñen ideas para intentar reverter esta situación?

—Debemos afianzar a cooperativa ampliando o mercado local e a través de internet. Traballamos con particulares, restaurantes e facemos vendas online co envío da mercancía mediante paquetería. Temos, incluso, algún cliente que reside fóra, pero penso que debemos medrar máis neste aspecto, diversificar a clientela e mellorar as vendas por internet.. En definitiva, buscar saídas. Isto todo son ideas sobre as que falamos, pero levamos un mes e hai que ir paso a paso.

—Perderon clientes?

—Houbo restaurantes que facían compras grandes de marisco e que pecharon, outros cambiaron de xerencia os novos decidiron facer apostas diferentes. Por iso tamén é importante que nos deamos a coñecer, que a xente saiba da nosa actividade e que nos abramos ao ámbito comarcal.

—Teñen unha depuradora e unha cetaria, ademais dos bancos marisqueiros que traballan e dos que sae o bivalvo que comercializan. O resto do produto que venden de onde procede?

—Traballamos coas lonxas da ría para adquirir o produto. Dende o pasado luns tamén estamos coa campaña da volandeira do bou de vara de Rianxo, depurando o bivalvo para unha conserveira e anteriormente fixémolo coa do longueirón.

—Poderían incrementar o número de conserveiras coas que traballan?

—Non é posible pola capacidade que temos nas nosas instalacións e unha ampliación tampouco é factible neste momento tal é como está o mercado. Hai moitas incertezas a nivel económico, subas de prezos e tamén existe un problema xeral en tódolos bancos marisqueiros de descenso da produción de bivalvo. As nosas intencións van encamiñadas a fortalecer a cooperativa e a traballar para favorecer o seu crecemento.

«A entidade é un orgullo para a parroquia de Abanqueiro»

Ademais de ser nativo da parroquia de Abanqueiro, unha das formas de converterse en socio da Cooperativa Ría de Arosa é herdar o carné por parte dun familiar. No caso de Juan José Ramallo Torrado, o de súa nai.

—A a entidade é a de maior número de socios da bisbarra. Que representa para a parroquia?

—A entidade é un orgullo para a parroquia de Abanqueiro. A xente preocúpase por saber se vai ben e veciños moi maiores seguen estando ao tanto de todo o que sucede. É lóxico porque se trata de xente que fundou a cooperativa e que traballou moito. A cooperativa fundouna a parroquia e teñen que ir da man, son como unha simbiose.

—Un dos problemas en tódalas rías é a baixada na produción de bivalvo, como lles afecta?

—O noso forte é a praia, ameixa e berberecho. Tampouco nos libramos da caída da produtividade, da que non se coñecen as causas. A ameixa fina está case desaparecida e a babosa parece ir polo mesmo camiño.

—Que medidas toman?

—A diferenza das confrarías, temos a vantaxe de ter unhas concesións pequenas e iso permítenos ter un mantemento constante. Estamos sempre pendentes dos nosos bancos e de forma continuada traballando na praia, renovando áridos e intentando reactivar áreas que estaban improdutivas. Ao mesmo tempo, hai uns días fixemos unha sementeira de ameixa xaponesa, cunha subvención da Xunta. Foron case un millón de unidades. En Pedra da Rúa había unha zona que era un criadeiro natural de ameixa, pero dende hai dous anos non podemos facer eses rareos porque non hai. A caída da produción está a pasar factura e iso que nós, por agora, non tivemos mortaldade polos temporais.

—Hai relevo xeracional, persoas interesadas en traballar nos areais que xestionan?

—Temos 24 permex para traballar a pé e outros tantos para facelo a flote. Podería darse entrada a algunha persoa máis, pero non hai interese de socios por acceder ao permex. Ninguén pregunta por iso.