Aínda conservamos algo do vello xeito de acordar que tiñamos na vella sociedade. Cando se atopa un punto en común, o que facemos é apalabrar. Todo o importante que nos pasa na vida sucede coas palabras. Si, non, non quero, non podo, quérote, non marches, grazas, bótoche de menos, onde estás, adeus ou, mellor, deica logo.
Apalabrar é sempre comprometerse. Son as palabras as que crean ese momento tan humano no que lle dicimos a alguén: «vouche contar unha historia». Ou como se diría no vello galego: «vouche contar un conto». E un conto non se lle conta a calquera, nin en calquera lugar.
Este ano apalabramos o Festival Atlántica de Narración Oral de novo na comarca. E vainos apalabrar co pracer de escoitar en fermosos lugares legados polos nosos devanceiros preservados con coidado. Entre o 1 e o 9 de xullo Boiro, Carnota, A Pobra, Ribeira e Outes abren espazos inusuais para escoitar historias, como marcos nos que todo pode suceder.
Lavadoiros, miradoiros, pazos, adros, carpintarías de ribeira, e os misterios ancestrais do Monte Pindo. Ata a comarca desprazaranse Ugia Pedreira e Lidia Luna, Sheherezade Bardají, Charo Pita, Pedro Mario López, Dani Blanco, Vero Ril e Sonsoles Penadique, Pakolas e Celso F. Sanmartín. Eu tamén subirei entusiastas ao Pindo.
Haberá conta contos de diferentes países, estilos e culturas que celebrarán este pacto entre quen conta e quen escoita. Xa podedes apalabrar (cos vosos amigos e familiares) os espectáculos de Atlántica —de balde e sen reserva— na páxina web festivalatlantica.gal para gozar dunha grata experiencia no Barbanza.