A relación da Torre de Goiáns coas letras galegas vén de lonxe

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

O inmoble de Boiro volveu ser o epicentro da cultura barbancesa

17 may 2023 . Actualizado a las 21:55 h.

Encargáronse Os Quinquilláns, con ese humor tan característico e galego que teñen, de lembrar que a relación do pazo Torre de Goiáns coas letras vén de lonxe, porque sendo propiedade da familia Caamaño, recoñecidos escritores da época, alá polo século XVIII, desfrutaban de estadías no inmoble elaborando as súas obras, convidados polos donos. Esa relación histórica coas letras referendouse hai un ano, con motivo da inauguración da restauración e apertura ao público desta xoia arquitectónica que forma parte do escudo heráldico da vila.

Pode que sexa a atracción de sentirse copropietarios de semellante emblema o que animou onte a milleiros de boirenses e barbanceses a acudir ao pazo e facer da celebración que organizan a Asociación Cultural Barbantia e o Concello de Boiro o epicentro da festa das Letras Galegas no Barbanza, con actividades ao longo de toda a xornada coa reivindicación da lingua por bandeira e a figura de Francisco Fernández del Riego como homenaxeado nunha festa do que el mesmo foi un dos promotores hai sesenta anos.

Moitas foron as actividades que se desenvolveron na finca municipal, pero se houbese que elixir unha especial esa foi a presentación do libro Cantigas quero eu lembrar, de Xulio Gutiérrez, na que Manuel Cartea, especialista en tradución, explicou a súa relación coa obra, que se produciu despois de que Gutiérrez lle pedise que pasase ao galego cantigas medievais, unha selección de 145 obras extraídas dun enorme traballo do autor arredor de 1.800 cantigas profanas e preto de 190 xograres. Cartea restou valor á súa achega, dicindo que o difícil non era a tradución senón poñerlles música.

Dez anos de traballo

Pola súa banda, Xulio Gutiérrez explicou que Cantigas quero lembrar é o resultado de sete anos de intenso traballo, pero a súa preparación estendeuse ao longo dunha decena. Precisou que as cantigas medievais galego-portuguesas recompiladas non tiñan melodía aparente, pero si oculta, e tratábase de dar con ela. Na súa investigación descubriu que nas Cantigas de Santa María, de Alfonso X El Sabio, había moita música que o autor da obra collera das cantigas populares, pero cambioulle a letra para darlle o toque relixioso co que pretendía agradar ao Papa.

Gutiérrez engadiu que unha vez atopada a música, non había ningunha referencia da que puideran valerse para adaptala ás letras coas que contaban, e aí está o arduo traballo aínda sen rematar. Explicou que a obra é para músicos, e púxoa á súa disposición. A continuación, o grupo de música medieval Os Menestreis interpretou cinco temas.

Reedición

Colleulle a testemuña Anxo X. Rajó Pazo, para presentar a obra Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura, do que é autor Xosé L. Franco Grande. Rajó declarouse namorado do pazo da Torre de Goiáns, no que estivo hai dous anos presentando un libro. Dixo que Francisco Fernández del Riego. Galeguista de acción e cultura saíu no 2000, e aproveitaron para facer unha nova edición, na que Grande non puido estar porque faleceu hai tres anos, de aí que lle encomendaran a Rajó a tarefa de reeditalo.

A presidenta de Barbantia, Chus Blanco; o alcalde de Boiro, José Ramón Romero; e a concelleira de Cultura, María Outeiral, completaron a mesa nun acto no que se reivindicou a lingua e as letras galegas.