Daniel García: «É prioritario para a ABE que Boiro poña chan a disposición das empresas»

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O presidente da patronal amósase convencido de que a aposta polo comercio local é cada vez maior

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva catro anos á fronte da Asociación Boirense de Empresarios (ABE), un período especialmente complicado tendo en conta o impacto que a pandemia tivo no sector. Aínda así, Daniel García Dosil ten folgos para seguir e vén de ser reelixido para seguir no cargo ata o 2025. Di que afronta esta nova etapa con ilusión, animado polo estirón que pegou a lista de socios nos últimos meses e polo éxito que están a ter as iniciativas postas en marcha.

—Cales son os principais logros da súa etapa como presidente da patronal?

—Un dos máis importantes é o sistema posto en marcha para fidelizar clientes, que está funcionando moi ben. Ten 1.500 usuarios e xa van 10.300 recibos de compra rexistrados, todo un fito para a asociación. Logo destacaría os bonos lanzados pola ABE, que foron creados na pandemia, como un modelo de agasallo enfocado ás empresas, pero que agora están sendo moi demandados pola poboación en xeral. Tamén tiveron moito éxito os bonos Negocios 10, polos que a xente paga 40 euros que se transforman en 50. Vendéronse todos en 15 días e supuxeron un movemento de 57.000 euros. E non me quero esquecer das campañas que facemos, tanto dixitais como e pé de rúa, enfocadas a potenciar a economía circular. A mensaxe vai calando, Boiro aposta polo comercio local.

—Dá por superada a crise derivada da pandemia?

—Si, os datos que temos así o confirman. Boiro está medrando en volume de negocios e cada mes sumamos dous ou tres socios. Xa estamos nos 200. Tamén as empresas grandes recuperaron a actividade normal. Pensamos que a pandemia ía ter graves consecuencias, pero por fortuna non foi así.

—Diría que sectores como o comercio local saíron reforzados?

—Está claro que a xente confía cada vez máis no comercio local e as cifras deste Nadal son superiores ás do anterior. Cremos que non houbo tanta compra por internet e que os veciños volveron ás tendas locais. No 2022 tramitáronse 72 subvencións para adecuar negocios, que se traduciron en 490.000 euros que foron investidos na mellora dos establecementos.

—Cales diría que son as grandes ameazas do sector?

—O comercio local ten que subirse ás novas tecnoloxías. En Boiro, neste sentido, estamos avanzando e penso que todos os negocios teñen páxina web e venden por internet. Unha das nosas grandes preocupacións é a falla de man de obra en case todos os sectores, tanto na construción e nas grandes empresas como na hostalaría e no comercio. Algo se está facendo mal desde a Administración cando non se consegue animar á mocidade a desempeñar estes traballos.

—Fai algo a ABE para reverter a situación?

—Facemos o que está nas nosas mans, que é impartir charlas e xornadas sobre o tema e tamén insistirlle ás Administracións para que tomen medidas. Pero o problema está nos plans formativos, habería que especializar a FP e orientala cara a sectores con demanda de traballadores.

—O chan industrial está esgotado en Boiro e en toda a comarca. Como valora isto a patronal?

—É unha necesidade que hai que resolver de forma urxente. É prioritario para a ABE que Boiro poña chan a disposición das empresas, porque iso xerará traballo e, paralelamente, animará á xente a asentarse neste municipio. Para iso hai dúas opción, ampliar o polígono existente ou construír outro, e son os técnicos os que teñen que tomar a decisión máis axeitada.

—A facilidade para aparcar resulta fundamental para a promoción do comercio, hai problemas deste tipo en Boiro?

—Por fortuna, non. A avenida da Constitución supón neste sentido un gran alivio para o casco urbano e esa é unha vantaxe que temos con respecto a outras localidades. O que está claro é que a falla de aparcamento non é unha escusa para non vir a Boiro mercar ou tomar algo.

«Esta vila resulta atractiva para os consumidores, tanto polas tendas como pola hostalaría»

Entre as funcións dunha asociación de empresarios está trasladarlle ao goberno local as reivindicacións do sector. Daniel García ten claras cales son as necesidades de Boiro.

—Tendo en conta que a finais de maio hai eleccións municipais, cales son os proxectos que non debería falta na axenda dos candidatos?

—O primeiro, sen dúbida, resolver a falla de chan industrial, un tema que nos preocupa moito aos dirixentes da asociación. Logo, hai empresas que nos trasladan a súa inquedanza polo tempo que o Concello tarda en pagar as facturas, polo que debería reducirse. Pola súa banda, o comercio pide máis control nas rúas e nos mercadillos, sobre todo no que se refire á venda de artigos falsificados. Tamén habería que axilizar a concesión de licenzas, pois os emprendedores atopan demasiados obstáculos para poñer en marcha os seus negocios. E hai un tema no que teñen responsabilidade tanto os gobernantes como os cidadáns, que é o lixo nas rúas que deixan as mascotas. Esiximos o cumprimento da normativa e, en caso contrario, que se impoñan sancións.

—Que nota lle daría ao comercio de Boiro?

—Eu doulle a nota máxima. Son de Outes, tiven negocio en Noia e agora estou en Boiro e tamén viaxo bastante, polo que sei o que hai en outros lugares. Chámame a atención a xente que vén de fóra e me fala da calidade dos negocios de aquí, persoas que incluso residen en cidades grandes. Hai que seguir mellorando, pero esta vila resulta atractiva para os consumidores, tanto polas tendas como pola hostalaría. Axuda moito a rúa peonil, que é un foco de atracción importante.

—Desas melloras das que fala, cales son as prioritarias?

—Penso que as beirarrúas da Principal son un acerto e van darlle vida á rúa. Habería que ampliar a peonil, nos dous tramos que faltan, seguir apostando polos espazos con vexetación e coidar a limpeza das praias. O turismo é importante para Boiro.