Boiro, entre o ouro e a néboa

MARGARITA FERNÁNDEZ

BOIRO

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sobre a etimoloxía do topónimo Boiro disputan dous elementos naturais: o ouro e a néboa. Ao redor de entrambos circula cadansúa hipótese, nun intento de estricar a orixe do mencionado topónimo. A primeira das teorías promulga que o vocábulo Boiro provén do sintagma latino bonum aureum («bo ouro»). A evolución fonética, así como a lenda que apunta á existencia do mineral nos montes do concello concordan coa explicación aducida. A segunda sostén que Boiro procede da palabra boira: «néboa». Parece probable que boira descenda do grego Boréas —divindade que encarna o vento do norte que precede o inverno— e se implante no castelán e no catalán, onde o termo se atopa amplamente documentado. Asemade, o substantivo atópase plenamente incorporado ao rexistro coloquial do galego. Curiosamente, unha parroquia de Porto do Son relativamente próxima a Boiro, recibe o nome de Nebra, do latín nebula: «néboa». Velaí como a natureza reivindica a súa presenza no patrimonio cultural da contorna.