O BNG de Boiro rexeitou entrar no novo equipo de goberno por «coherencia política»

Ana Lorenzo Fernández
a. lorenzo RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Raquel Suárez
Raquel Suárez MARCOS CREO

«Non podemos formar parte dun goberno no que agora van estar persoas que ata ben pouco optaban por negociar unha moción de censura», afirmou Raquel Suárez

09 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que tanto ideoloxicamente como polo entendemento que houbo nestes últimos anos, parecería que o BNG era o que máis posibilidades tiña de formar equipo de goberno co PSOE en Boiro, esta alianza non se acadou, e os nacionalistas decidiron rexeitar o pacto «por coherencia política. Non podemos formar parte dun goberno no que agora van estar persoas que ata ben pouco optaban por negociar unha moción de censura que lle dera a alcaldía novamente á dereita», explicou Raquel Suárez en clara referencia a Carlos Rodríguez Muñiz, que acaba de abandonar Ciudadanos, o partido co que concorreu ás eleccións.

Neste sentido, a portavoz do Bloque recoñece que «a mera renuncia a unha siglas non pode ser considerado como un cambio ideolóxico repentino». Tamén aludiu á actuación de Dores Torrado (Boiro Novo) nestes últimos meses. «Parece que agora está de moda a palabra desbloquear porque se firmou un pacto», apuntou Suárez, para logo lembrar que «para contribuír á gobernabilidade do noso concello non é preciso formar parte dun goberno fronte a aqueles e aquelas que levan tempo obstaculizando calquera actuación».

Apoio puntual

O novo tripartito de Boiro só suma sete concelleiros, polo que precisará do respaldo dos nacionalistas para sacar os seus proxectos adiante. O BNG xa anunciou que o seu apoio será puntual, seguindo os principios de coherencia que marcaron ata agora a súa actuación.

Desta forma, os presupostos elaborados polo executivo poderían saír adiante, posto que o Bloque foi o único que votou a favor, sempre que «se respecten as nosas propostas e manteñan as mesmas directrices».