Boiro restaura a memoria e o nome de Xerardo Piñeiro

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

DAVID COSTAS

Boiro Novo volveu insistir nunha vella reivindicación: a retirada da simboloxía fascista que, pese á lei de memoria histórica, segue presente en elementos do patrimonio etnográfico boirense

18 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende o 2003, a rotonda de entrada á vila de Boiro en Cimadevila erixiuse nun monumento de homenaxe aos represaliados pola ditadura franquista. Cada 17 de agosto, inscríbese na pedra o nome dunha desas vítimas que, ante o golpe de Estado do 36, defenderon os valores democráticos, un acto que este ano tivo un significado especial porque permitiu restaurar a memoria e o nome de Xerardo Piñeiro Piñeiro, fusilado no 37 e en enterrado en Boisaca coa orde expresa de que non figurase en lápida ningunha.

O BNG, organizador do acto co que cada ano se conmemora o Día da Galiza Mártir, considerou que o nome de Xerardo Piñeiro debía «figurar nun lugar destacado de Boiro, e a súa familia recibir o recoñecemento merecido, xa que non foron traidores nin rebeldes, senón que morreron defendendo os valores dunha convivencia democrática e da orde establecida fronte, precisamente, os traidores e desleigados». Así foi, e na tardiña de onte tivo lugar, case 85 anos despois da súa detención, a homenaxe ao mozo de Cespón.

Xosé Deira introduciu o acto, no que participaron familiares do homenaxeado, lembrando quen foi Xerardo Piñeiro, fillo de mariñeiro e afiliado a UGT e á agrupación socialista de Boiro. O 24 de agosto de 1936 foi detido e conducido ao cárcere de Santiago acusado de mala conduta. O que desencadeou o arresto foi unha acusación falsa contra el por tirar unha bomba, cando en realidade o que fixo foi recoller o explosivo que outro compañeiro botou diante dunha farmacia para evitar que estoupase e danse a alguén. Porén, a acusación contra Xerardo prosperou e pasou uns meses na cadea de Raxoi, en Compostela, foi trasladado á da Coruña e logo volveu a Santiago, onde foi sometido a un consello de guerra e condenado a morte o 2 de agosto de 1937 por rebelión militar.

Formáronse varias comisións que buscaron sinaturas pedindo o seu indulto, que finalmente se concedeu, pero xa era demasiado tarde: chegou dous días despois de que fora fusilado en Boisaca, o 11 de outubro de 1937 aos 20 anos de idade.

Foi enterrado, xunto con dous compañeiros de Noia e Portosín, nunha fosa coa orde de que o seu nome non figurase en ningunha parte. Ata onte, cando quedou inscrito na rotonda de Cimadevila nun acto solemne no que se fixo entrega aos seus familiares dunha placa conmemorativa.

Boiro Novo demanda que se retire a simboloxía fascista de fonte de Ponte Goiáns

Con motivo do Día da Galiza Mártir, Boiro Novo volveu insistir nunha vella reivindicación: a retirada da simboloxía fascista que, pese á lei de memoria histórica, segue presente en elementos do patrimonio etnográfico boirense. De xeito máis concreto, a formación demanda a retirada do escudo da falanxe que loce na fonte de Ponte Goiáns e a colocación nese lugar dunha placa en memoria de Cándido Castillo González, o Pichón.

O Pichón, que hai un par de anos recibiu unha homenaxe por parte de Boiro Novo, foi o primeiro secretario da Sociedade de Canteiros e Oficios Varios, vinculada a UGT e a La Fraternidad e foi asasinado en Ponte Goiáns, onde se atopa a fonte e preto da súa casa, entre o 22 e o 23 de abril de 1937, cando tiña 38 anos. Por esta razón, o grupo que encabeza Dores Torrado pide a substitución da simboloxía fascista por unha placa na súa honra.