Piratas sen barcos nin patas de pau

Gonzalo Trasbach (IN) SOMNIUM

BOIRO

ANGEL MANSO

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Lembrades as lentas tardes da nosa infancia, tan lentas como medraban os cereais e mailo millo? Naquelas eternas horas de despois de comer, mentres as pelotas de trapos vellos que faciamos para xogar durmían a sesta nun curruncho das adegas onde as arañas agochadas agardaban que as moscas e os mosquitos se enredasen nas teas, nós contabamos os insectos que quedaban atrapados naquela rede de fíos invisibles. Iso era antes de que aquel xogo de cazadoras voraces nos aburrira e colleramos as bicicletas para practicar pola corredoira.

Como entre nós os choros tiñan moi mala fama, cada choque ou turrada contra os muros ou os postes dos currais, saldábase cunhas risas sonoras. Se non se avariaban nos accidentes, volviamos montar nelas e enfilabamos o camiño para a praia do Bodión ou ben para os campos do monte. Cando ao caer a tarde retornabamos para as casas, chegabamos coa roupa mollada ou cos xeonllos ensanguentados.

Se atravesabamos os milleirais en flor, entón descubriamos os francos, aos que nos mandaban nos últimos atardeceres de agosto para acomodar o gando, certificaban fielmente a nosa amizade. Cando ás veces baixabamos as ladeiras por estreitas sendas poboadas de croios, as xestas que mutaran as flores amarelas en vaíñas negras ateigadas de semente, e as ásperas e duras púas dos toxos, rabuñábannos as pernas e tamén os brazos.