Alberto Rodríguez: «Os inicios non foron doados, pero o Sofán soubo ter a paciencia necesaria»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

BOIRO

basilio bello

O técnico logrou o ascenso histórico a Terceira Nacional cun triunfo fronte ó Boiro

05 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Sofán, equipo da parroquia carballesa que leva o seu nome, logrou o histórico ascenso a Terceira División o pasado domingo en O Carral ao impoñerse fronte ó Boiro por 2-0. Alberto Rodríguez Fraga (A Coruña, 1989) foi parte do éxito dos roxiños encabezando o corpo técnico.

-Cúmprese unha semana do ascenso a Terceira División. Está asimilado xa?

-O ascenso si, pero non a repercusión que vai ter xogar en Terceira, sobre todo pola xente que rodea o club, aínda que eu sempre crin nas posibilidades de ascender polo potencial do equipo.

-Se tivera que quedarse cun dos tantos momentos vividos o pasado domingo, cal escollería?

-Quédome cos primeiros quince minutos tras o asubío final, pois foron de euforia e satisfacción, de goce total, emocións fortes e abrazos infinitos. Foi como a liberación de todo o esforzo e traballo do club e da afección. Ese trociño compénsao todo. Son momentos inexplicables e inesquecibles.

-No campo viuse a un Sofán moi seguro en ataque fronte a un Boiro que se viu obrigado a repregarse en numerosas ocasións. Que lle dixo aos xogadores antes dese importante partido e histórico rival?

-Fixemos a semana con normalidade, o venres démoslle unha sorpresa ós xogadores para darlles o último empuxón e, antes do partido, transmitinlles que, ao final, todo o traballo realizado era o que lle daba valor ao feito de chegar ata aquí, e que non xogaran nerviosos en exceso porque para min non ía cambiar nada de todo o feito durante todo este tempo.

-Como viviu o partido no que non dependían de si mesmos, senón tamén do que sucedera entre o Noia e a Sarriana?

-Sabiamos que sen a vitoria non había moito máis que reflexionar. Ata o descanso houbo un partido, máis conservador e no que sen grandes ocasións pisamos máis a área rival. Tras a continuación, iamos cambiar cousas para tratar de meter ao Boiro máis na súa área, pero xusto chegou a acción de gol de Raúl e, acto seguido, o segundo. Aí empezamos a estar pendentes de como ía o encontro en Noia, que nese momento ganaba a Sarriana por 1-2. Houbo minutos de incerteza, incluso cun gol anulado ao Noia que a nosa afección celebrou, pero que foi fóra de xogo moi claro. A partir do minuto 89, comunícanme o final do outro partido a e transmítolles aos xogadores que se non encaixamos estamos en Terceira. Un erro noso, un tanto do Boiro, levaríanos a un partido de desempate entre a Sarriana e o Sofán. Dadas as dimensións do Carral, calquera rexeite pode ir dentro, pero non sufrimos bastante.

-Foi un importante éxito para vostede, que chegou ao Sofán na tempada pasada estreándose como primeiro adestrador.

-Loxicamente hai unha parte personal na que tamén estou moi contento, pero valoro moito en xeral na vida quen está dende o primeiro momento nas malas. Os inicios en Sofán non foron doados, porque viñamos de moitos cambios no plantel, con bastantes xogadores novos e mozos. Nos primeiros partidos non conseguimos gañar e o club transmitiume absoluta tranquilidade porque vían que o equipo estaba traballando ben. Tiveron unha paciencia que moitas veces no fútbol non se dá para que chegaran os froitos. Tempadas así márcante e fanche ver que o traballo, ás veces, ten recompensa.

-Vostede é bastante mozo. Cando e por que colgou as botas para pasarse ós banquiños?

-Pois con 22 anos, máis ou menos, hai dez ou once tempadas. Acabei INEF, fixen un máster de alto rendemento enfocado ao fútbol e empecei a compaxinar todo. Estiven varios anos na base do Atlético Arteixo, despois no Racing Vilalbés en Terceira División con Óscar Gilsanz, logo en Cerceda con Ángel Cuéllar, e con este último no Jumilla de Segunda B. Cando regresei a Galicia, pasei pola base do Ural e do Dépor e firmei polo Sofán. Sempre me gustou moito o rendemento, dáballe moitas voltas ao que pasaba detrás dese nivel.

-A directiva do Sofán xa manifestou o seu desexo de renovarlle. Vostede que di ao respecto?

-Creo que nos próximos días se pechará a renovación. Ambas partes estamos en camiños moi similares.

-En caso de seguir, fará moitos cambios no plantel ao ser unha categoría superior?

-En todas as plantillas hai cambios por circunstancias ou decisións técnicas e dos propios futbolistas. Haberaos, pero hai un grupo de traballo de moito nivel que se merece na medida das posibilidades gozar da Terceira. A base do equipo será a mesma. A partir de aí, a nivel de profesionalidade temos que dar un paso tanto no número de adestramentos á semana como de estrutura de club para planificar viaxes, entre outras cuestións. Estou contento co entusiasmo que lle vin á directiva para que a entidade siga crecendo.