Raquel Suárez: «Tentan ir solucionando os problemas puntuais e non se ve un proxecto integral»

BOIRO

DANI GESTOSO

O BNG bota en falta un plan de futuro para mellorar as condicións de vida da cidadanía

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o grupo municipal do BNG, que encabeza Raquel Suárez, o actual goberno local de Boiro está a marcar na súa xestión unha liña continuísta na que os nacionalistas botan en falta máis propostas e, sobre todo, un proxecto de futuro a longo prazo para o municipio boirense.

-Percibiuse un cambio en Boiro co cambio de goberno que se materializou hai dous anos?

-Están facendo o mesmo ca o Partido Popular, funcionan coma unha xestoría, tentan ir solucionando os problemas puntuais e non se ve un proxecto integral para Boiro do que se poida dicir que van mellorar as condicións de vida da súa veciñanza a medio prazo. Esta falta de proxecto tamén se pon de manifesto en que, a metade do mandato, continúan sen levar unha proposta de orzamentos ao pleno da corporación.

-Que se fixo entón nesta metade do mandato?

-Desde o BNG consideramos que nestes dous anos o goberno de Boiro se mostrou feble e inexperto. Fan un continuísmo do que é a política estatal, inician negociacións e chegan a acordos que non só non son levados a cabo, senón que tampouco se sabe a data para a súa concreción.

-Que opina do trato cos demais grupos con representación na corporación?

-O Partido Socialista continúa sen aproveitar e xestionar ben os apoios políticos cos que se manteñen como única forza de goberno con tan só cinco representantes.