José Ramón Romero: «Temos as ideas claras e un proxecto de cidade definido»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA

BOIRO

MARCOS CREO

O rexedor está convencido de que gobernar en solitario foi a mellor decisión

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foron moitos os que, cando José Ramón Romero e o PSOE apostaron por gobernar en solitario, pensaron que se equivocaban, que era inviable levar as rendas do Concello de Boiro con só cinco concelleiros, pero dous anos despois de ser investido, o alcalde segue convencido de foi a decisión acertada.

-Os rumores de moción de censura comezaron moi cedo trala investidura, esperaba un inicio de mandato tan complicado?

-Sabía que ía ser difícil pola decisión que tomamos de gobernar só cinco e somos realistas, sabemos que os dous anos que quedan de mandato van ser aínda máis complicados. O que tamén teño claro é que este goberno de cinco temos as ideas claras e temos un proxecto de cidade ben definido, sabemos a onde queremos levar Boiro.

-Arrepentiuse nalgún momento da decisión que tomaron?

-Non é unha cuestión de número de concelleiros, é unha cuestión de actitude, somos cinco pero traballamos coma 17, a falta de xente suplímola con sacrificio. E compensa, porque ves os logros, e poderiamos sacar máis cousas se tiveramos máis respaldo. Temos un proxecto definido para Boiro a dez anos, levamos dous e hai moitas propostas que xa están feitas, nós mesmos estamos sorprendidos coas cousas que conseguimos e iso dános ánimos para seguir traballando.

-Que aspectos destacaría do seu labor nestes dous anos?

-Unha das liñas de traballo que estamos levando a cabo é a reactivación económica e o fomento do emprego. Démoslle un pulo enorme ao centro de formación, polo que cada ano pasan máis de 200 persoas a través de distintos programas, e conseguimos incluír o coworking na rede provincial. Tamén axilizamos a tramitación administrativa, sobre todo no caso do empresariado, porque a súa actividade xera emprego, e colaboramos coa ABE no fomento do consumo e o comercio no noso concello. Traballamos tamén na mellora de servizos, porque esa é unha maneira de fixar poboación, humanizando núcleos urbanos e no rural.

-Dicía que o seu é un proxecto a dez anos, pero cales son as prioridades para os dous que quedan deste mandato?

-Hai varios proxectos moi importantes para os que estamos pechando acordos con outras Administracións, e de aquí a final de ano estamos cargados de obras que están xa adxudicadas ou para saír a licitación.

-Teñen tamén pendente a aprobación dos orzamentos.

-Queremos levalos a pleno este mes, confío en sacalos adiantes porque son uns orzamentos moi bos, son ambiciosos, cunha cantidade importante de investimentos, e incorporan propostas dos outros partidos. Será difícil xustificar un voto en contra a estes presupostos.

-Como van as negociacións? A oposición quéixase de falta de diálogo pola súa parte.

-Dáme a risa cando iso vén dalgúns grupos da oposición que non contestan cando os chamamos para negociar algo. Botamos en falta máis apoio, porque vemos que eles non teñen un proxecto de cidade e nós si.