Juan José Dieste: «O PSOE defraudou as expectativas do pobo e dos socios que o uparon á alcaldía»

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O popular cre que o goberno boirense está esgotado

05 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O discurso do exalcalde de Boiro ao valorar o labor do seu sucesor á fronte do Concello de Boiro é moi crítico. Juan José Dieste recorda que xa no seu momento advertiu das consecuencias de contar cun goberno tan minoritario e, na súa opinión, o tempo veulle dar a razón: «Boiro é un fórmula 1, non se pode gobernar con cinco concelleiros, hai que estar moi rodado para facelo».

-Como resumiría a acción do executivo local?

-É un goberno que nestes momentos non ten proxecto, incapaz e moi débil, non ten apoios. O PSOE defraudou as expectativas do pobo e dos socios que o uparon á alcaldía no seu día, os apoios que tivo xa non os ten porque non houbo capacidade de diálogo para sacar adiante proxectos, e iso provoca un estancamento que nunca antes se vira.

-É esa falta de diálogo da que fala a razón de que a ameaza da moción de censura leve meses sobrevoando ao goberno?

-O alcalde tense que preguntar a si mesmo se ten un apoio lexítimo para estar aí, porque electoralmente non o ten, con cinco concelleiros de 17 non podes gobernar Boiro, e nós podemos favorecer certas cousas por responsabilidade institucional, pero estamos vivindo un estancamento total. Iso pasa cando se fan gobernos de minorías perdedoras.

-Cales son ao seu xuízo as principais carencias?

-Sen orzamentos non se pode facer nada, é o libro gordo do goberno, e levamos dous anos sen eles. Non están atendendo as demandas das entidades deportivas, non aplican medidas fiscais para aliviar as cargas aos autónomos nin están impulsando axudas, son incapaces de presentar proxectos, alternativas ou iniciativas. Eu chámolle o goberno cigarra, porque sobreviven do traballo, dos orzamentos e dos proxectos do Partido Popular. O pazo de Goiáns, a sede do club de temo, son proxecto que deixamos nós con orzamento.

-Que agarda do que resta para o final do mandato?

-A partir dos dous anos entramos en proceso electoral e vai ser difícil que mellore a situación porque os seus socios estanse desmarcando do goberno, a situación cambiou radicalmente.