A Romaría das Letras e espectáculos para os máis pequenos protagonizan as actividades do maio cultural de Boiro

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Presentación de la programación cultural de Boiro
Presentación de la programación cultural de Boiro CEDIDA

Para asistir aos diferentes actos será necesario reservar entrada a través da páxina web do Concello

06 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Boiro, a través do departamento de Cultura, programou unha serie de actos e espectáculos culturais que se desenvolverán durante o mes de maio, orientados a festexar o Día das Letras Galegas. A presentación desta iniciativa tivo lugar onte na casa consistorial boirense e nela participaron o rexedor, José Ramón Romero; a edila de Cultura, María Outeiral; o presidente da Asociación Cultural Barbantia, Manuel Cartea, e persoal técnico municipal de Cultura, como Alberto García, Elena Dosil e Pitusa Lomba.

A programación para este mes inclúe actividades para o público infantil e familiar, e outras específicas para conmemorar o 17 de maio. Neste caso cóntase coa colaboración do colectivo Barbantia para desenvolver a Romaría das Letras, que levará a cabo, como viña sendo habitual, na contorna do pazo de Goiáns.

Mañá comezará o maio cultural cun espectáculo de Raquel Queizás, Historias de cinema, ás 20.00 horas no auditorio da casa da cultura. Unha semana despois, no parque da Cachada, Pista Catro divertirá ao público representando Oh olimpiadas. O venres día 21, será o grupo Cirkompacto o que, ás 20.00 horas na praza de Galicia, represente o seu espectáculo Hell brothers.

Xornada familiar

Para o sábado 29 está prevista unha xornada de goce en familia, xa que no estuario do río Coroño haberá funcións a diferentes horas do día.

Pola mañá, ás 12.00 horas, será a quenda de Paco Nogueiras coa súa proposta Extra. O Pallaso Fredi amenizará a tarde, a partir das cinco, co seu espectáculo Circanelo. Como colofón á xornada, Paco Nogueiras volverá a escena para representar outra función de Extra.

A programación do mes das letras tamén inclúe representacións para escolares, que se levarán a cabo o día 20, entre as 10.00 e as 12.00 horas. O Mago Teto será o encargado de entreter aos máis pequenos co seu espectáculo Pequenas grandes maxias.

O 17 de maio terá lugar o acto central, xa que se celebrará a tradicional Romaría das Letras. Como non podía ser doutro xeito, o seu desenvolvemento terá que adaptarse ás medidas anticovid vixentes. A actividade comezará ás 17.00 horas cun baile tradicional a cargo das agrupacións Aroña e Xilbarbeira.

Sonia Lebedynski será a encargada de conducir unha actividade na que a Asociación Cultural Barbantia se ocupará das presentacións literarias. Deste xeito, expoñeranse unha publicación sobre a biografía de Xela Arias e a obra Nus, de Manuel Gago. Para poñer o broche de ouro a esta xornada festiva, Os Melidaos ofrecerán un concerto.

Todos os espectáculos e actuacións teñen unha capacidade limitada e haberá control de acceso para asegurar que non se excede o aforo máximo establecido pola crise sanitaria.

Por iso será necesario reservar as entradas para asistir a través dun formulario que está dispoñible na páxina web oficial do Concello de Boiro.