Saviola, dianteiro do Boiro: «Dende o primeiro día que fichei quería ir polas rúas do meu pobo coa cabeza alta»

Álvaro Sevilla Gómez
Álvaro Sevilla RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

Saviola, contra o Xallas
Saviola, contra o Xallas CARMELA QUEIJEIRO

O pichichi de Barraña, que busca pelexar polo ascenso, afirma que deixarse todo no campo é como entende o fútbol

05 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Pouso, Saviola (Boiro, 1992) é un deses xogadores que non precisan presentación. Respira fútbol e paixón polo escudo do Boiro. No fútbol moderno fan falla xogadores que o darían todo por unhas cores. Non abundan.

-Van coma un tiro.

-Polo momento estamos bastante ben. A pesar do parón polo problema que tivemos co covid. Estivemos dúas semanas completas sen adestrar, parados. Pensei que íamos saír peor.

-E vostede está vendo portería.

-Podería levar algún gol máis. Pero estou contento porque os que entraron serviron para sumar vitorias, que é o importante.

-O que deixa claro sempre que xoga é que sae ao 100 %.

-Se algo tiven claro é que por ganas non ía ser. Dende o primeiro día que fichei polo Boiro quería ir polas rúas do meu pobo coa cabeza alta. Sen que ninguén me poda reprochar algo ou dicir que non o intentei. E iso fai que saía ao campo a dalo todo.

-Contra o Puebla marcou o gol da vitoria. En Barraña non foron quen de levarse o encontro.

-É o que ten o fútbol. A veces xogas moi ben e non sumas os puntos. O domingo non practicamos un fútbol tan bo como o do mércores, pero conseguimos sumar. O fútbol é así. Sabíamos que na Alta ía ser máis complicado que en Barraña. Atopámonos cun campo bastante irregular e non se podía circular o balón da mesma maneira. O Puebla ademais defende ben, métese atrás. Intentamos cambiar un pouco. Cederlles o balón e darlles da súa menciña esperando un erro deles. O gol foi así. Un central intentou saír co balón, fomos capaces de roubar. E gol.

-O seu tanto parece fácil, pero teño visto moitos ir por varios metros enriba do pau.

-Sen ir máis lonxe, o mércores botei unha case igual por enriba [ri]. O mérito é de Juanma, que saltou ben á presión e roubou.

-As de dianteiro e porteiro son profesións de risco. Sempre hai moitos ollos enriba vosa.

-Está claro. Podes pasar dun fin de semana que es o rei do mambo e ao seguinte fallas unha ocasión clara e es o peor. Levamos vivindo con iso de sempre.

-Este ano tócalle ocupar a posición de Changui.

-Con el xoguei moitas veces o ano pasado, tódolos partidos de liga. Ademais está [Marcos] Piñeiro. É un rapaz que aínda non ten experiencia na categoría, pero nos adestramentos está sorprendendo. É un rapaz que traballa, que lle gusta o fútbol e que é compañeiro. E tamén temos a Jorge [Casal], que tivo mala sorte co xeonllo. A ver se o damos recuperado antes de que isto acabe, porque a liga pasa voando.