Paco, xogador do Boiro: «Neste formato se non estás a tope escápanche os rivais»

S. Gómez

BOIRO

MARCOS CREO

El é un deses futbolistas que calquera querería no seu equipo. E poucos enfronte. No campo non se deixa nada

18 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco Allo, Paco, (A Baña, 1989) afronta a súa sexta tempada no Boiro. El é un deses xogadores que calquera querería no seu equipo. E poucos enfronte. O que fala bastante ben del. No campo non se deixa nada. Intenso e contundente, afronta a súa sexta tempada en Barraña na que quere pelexar polo ascenso.

-Primeiro partido na casa e derbi. Que encontro espera?

-Chegamos en circunstancias distintas. Despois deste parón o equipo adestrou catro días. Os primeiros custaron, viñamos de dez xornadas de inactividade, pero conforme foi avanzando a semana xa fomos dando un bo nivel. Non hai que poñer escusas. Chega un bo rival, que ten as súas armas. A clave do partido pode estar na lectura que se faga. E nós queremos aproveitar as nosas bazas.

-O que ninguén dúbida é da intensidade e rivalidade deste encontros.

-Nos derbis todos damos un 20 % máis. Pero o físico creo que non vai ser clave. Pasará por quen se adapte e saiba ler o encontro, as fases, cando baixar ou subir o ritmo... Sabemos que temos que traballar todos en defensa. As axudas que teñamos son importantes. O Noia está moi cómodo con espazos. Ten a xogadores como Hugo, Anxo, que saen moi ben ao contragolpe. Cústalles máis cando teñen que levar o peso do encontro.

-E logo do parón polo covid están ao 100 % fisicamente?

-Non é o mesmo estar dez días sen adestrar, que estar illado, sen poder facer practicamente nada de deporte. Son moitos días que pasan factura, pero isto é un derbi e iso queda a un lado. Os últimos 20 minutos igual o notamos, pero repito que non se poden poñer escusas. Eles veñen de dous empates, a pesar de ser bastante superiores neses encontros. Son catro puntos que neste formato poden ser clave, e quererán volver a gañar.

-Eles queren subir. Vós onde queredes rematar esta tempada?

-A nosa mente pasa por meternos entre os dous primeiros clasificados. Claro que o tema covid nos fai cambiar un pouco a programación. Pero vamos ter unha semana libre para adestrar. Iso si, hai tres partidos que recuperar e xogaremos mércores e domingo, e aí verase moito onde podemos chegar. Neste formato se non estás a tope escápanche os rivais. Contra o Xallas xa nos deixamos dous. É importante gañar este domingo, porque o grupo pode saír reforzado para esta serie de encontros. Queremos dar caza ao Noia e ao Dubra.

-O Boiro este ano sumou bastante xente moza. Que tal os ve?

-Creo que temos un bo equipo de veteranos e xuventude. Podemos competir contra calquera. Os rapaces veñen apertando forte. A baixa de Cardeñosa, que parece que non vai a seguir, é importante, pero temos que adaptarnos.