O que Rodrigo Rey nos ensinou

Ribeira LA VOZ

BOIRO

Rodrigo Rey, nunha imaxe de 2008, mirando un cordobán regalado polos seus alumnos con motivo do 25 aniversario do instituto Praia Barraña
Rodrigo Rey, nunha imaxe de 2008, mirando un cordobán regalado polos seus alumnos con motivo do 25 aniversario do instituto Praia Barraña

O que foi mestre do IES Praia Barraña faleceu aos 68 anos

03 mar 2021 . Actualizado a las 15:19 h.

Corría o ano 83 cando Rodrigo Rey López, Roi o Profesor, arribou a Boiro, acababa de saír da universidade. Xunto con el, un claustro de profesores que na súa maioría andaba pola trintena. Se ben a encomenda oficial era a de botar á andar o IES Praia Barraña, o que sería o primeiro instituto de bacharelato da localidade, os verdadeiros desafíos eran outros: ser quen de atraer á cultura ás novas xeracións de boirenses e, quizais o mais difícil, integrar a súa familia na vida dun pobo ó que a súa fama de duro o precedía.

Só co repouso do tempo soubemos que non podían ser barreiras suficientes para un home auténtico que parecía non tomarse en serio a si mesmo, pero que agochaba nos seus zapatóns dúas armas poderosas: determinación e paixón polo ensino.

Así foi como chegou Rodrigo ás nosas vidas de adolescentes que exercían a tempo completo na procura da diversión. De súpeto, a palabra exame semellaba desprovista de toda carga dramática. Como tomarse en serio unha materia na que os seus protagonistas eran Alejandro Maño ou Naboleón? Como seguir a un profesor que entra na aula para comezar un novo tema ó grito de «Viva el derecho romano que al esclavo manumite y a la esclava mitemano»?.

Un profesor, tolerante e ateo, por esta orde, que xa entón saudaba sempre ó que anos despois sería o cura de Lampón con un «ave María purísima». Un profesor que non se cansaba de lembrarnos o afortunados que eramos por ter a cultura exipcia a cen pesetas de distancia collendo o Outeiral para visitar as pirámides de Keops, Kefrén e Chicolinos…

Con estes antecedentes e a desconfianza dalgúns pais, o absentismo escolar non constituía unha opción.

Foi así que, sumidos na inconsciencia e nas prioridades propias da idade, cando nos quixemos dar conta, Rodrigo era un boirense máis. Ca mesma inconsciencia, coma a ra á que cocen a lume lento, un profesor de Lugo reconvertido a mariñeiro tiña atrapados nas súas redes a ducias de alumnos que, sen sabelo, descubriran para sempre a historia, a arte ou mesmo a música. Todo un proxecto de arquitectura social.

Rodrigo Rey demostrounos que a aprendizaxe e a diversión eran ingredientes fundamentais do ensino. Pero, sobre todo. nós descubrimos en Rodrigo a un amigo xeneroso, a un home con coraxe, a un pai orgulloso da súa familia que, sabemos, vaino botar moito a faltar.

É unha honra para nós levar a túa pegada. Grazas, profesor.

Carlos Rodríguez Muñiz e Luis Ferreirós Blanco en representación dos teus nenos de 50 anos.