SOS Club Natación Boiro

Rufino Regueira TRIBUNA PÚBLICA

BOIRO

MARCOS CREO

07 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En canto vin a noticia da posible desaparición do Club Natación Boiro, o meu primeiro pensamento foi: «Teño que facer algo». E que menos que facer unha petición pública. Eu non son ninguén, pero si algo fun algunha vez, foi «o nadador de Boiro». Por ese mesmo motivo, dende aquí, sentado diante da piscina, escribo isto nun rato que teño libre, escoitando como a auga cae polos respiradoiros, vendo á xente nadar, vendo e oíndo aos rapaces xogar na piscina pequena porque, por sorte, aquí aínda seguimos con elas abertas, e váleme para reflexionar.

Está a piques de comezar o adestramento do grupo absoluto do club, as mozas e mozos empezan a facer exercicios de quecemento, os nenos seguen xogando e os usuarios van deixando paso para a seguinte quenda... Todo este grupo de xente pode facer isto porque, como dixen, as piscinas seguen abertas, cousa que en Boiro non. Quitando o «cubo» claustrofóbico que no seu día se construíu, que -válgame o señor a pisciniña que nos regalaron- non poden deixar morrer un club dun deporte que é fundamental.

Estamos falando do deporte máis practicado no mundo, un deporte que vaias á piscina que vaias, vas atopar xente de toda franxa de idade. Un deporte que é saúde, que todo médico recomenda, que todo pai ensina ao seu fillo para que cando vaia á praia non afogue... en resumo: Un deporte que é vida.

Por iso pido que non deixen morrer nin ao club nin á piscina. Hai detrás xente que leva anos loitando e dedicando a súa vida á natación, hai un adestrador que sabe moito de deportes e mátase encontrando solucións para os seus nadadores e hai un club que agora mesmo é nómade porque non ten onde parar. Ata onde sei eu, tíñase que se desprazar a Rianxo para adestrar... ¡A Rianxo! Que lle saía mellor saír de Abanqueiro a nado.

Un club que ten xente competindo a nivel nacional non pode andar así. Un club que, a pesares da pandemia, logrou montar un campus de verán nun tempo récord e cunha participación extraordinaria, do cal estou moi orgulloso de que leve o meu nome.

Pero eses rapaces, por desgraza, este verán non puideron tocar a piscina, polo que se lles privou de ter unha continuidade «normal» no deporte básico no seu pobo, o que significa que non se lles está dando a oportunidade de nadar...

¡Pido a quen estea na súa man que actúe xa, por favor! Porque, do contrario, se está deixando morrer a piscina municipal de Boiro, porque se está deixando morrer o club, porque se está deixando morrer a natación. A nosa vida.