«No mar, ata ao peor inimigo se lle asiste»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

marcos creo

LOBOS DE MAR | A solidariedade é unha particularidade que o boirense Antonio Fernández lle atribúe a unha profesión que se resiste a deixar

19 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O traballo no mar ten sona de ser duro e arriscado, pero por un estraño motivo, namora á meirande parte dos que o elixiron. Non hai máis que falar con Antonio Fernández Viturro (Cabo de Cruz, 1949) para sabelo. Despois de que os barcos constituíran o seu fogar durante case seis décadas e cumpridos os 71 anos, aínda ten ao día os títulos e os recoñecementos médicos por se xorde unha boa oportunidade que o leve a situarse de novo aos mandos do temón. Non dubida ao asegurar que, se a vida lle dera unha segunda oportunidade, de novo se decantaría por unha profesión que, segundo di, o compensou con moitas alegrías, aínda que tamén deixou na súa historia persoal algún triste capítulo.

Do balance positivo que fai só deixa a un lado a dureza de pasar tanto tempo lonxe dos seus, o que lle impediu ser testemuña dalgún dos acontecementos máis importantes para calquera persoa. Ao mes e medio de casar tivo que poñer rumbo a Mozambique e cando volveu ao fogar, case un ano despois, xa era pai dun pequeno que estaba preto dos tres meses. Tiña 26 anos, pero xa contaba cunha importante experiencia como mariñeiro. Con 13 anos, logo de medrar a carón da praia e mesmo de experimentar coas artes de baixura no interior da ría de Arousa, xa tiña o caderno de navegación. Con 16 formaba parte da tripulación dun superconxelador que partía da Coruña cara a Namibia.

Sendo un mozo, Antonio Fernández non só ansiaba traballar, senón que tamén tiña sede de coñecementos. Por iso, cumpridos os 18 xa tiña o título de patrón de litoral. Con 26 acadaba o de capitán de pesca. Cun currículo forxado a base de formación e experiencia, o boirense conta con orgullo que pasou una longa temporada xogando na considerada Champions da pesca: «Así lle chaman ao caladoiro de calamar das Malvinas, porque alí non hai limitacións de mallas nin de volume de capturas e poden chegar a collerse cen toneladas nun día, dependendo sempre da capacidade que teña o barco».

Incapaz de abandonar

Nas Malvinas xubilouse con 55 anos, ou iso pensaba el. Tres anos despois de comezar a etapa dourada estaba de novo nun barco: «Pedíronme que fora unha marea, pero acabei botando oito». Aínda no 2018 volveu a suspender a xubilación para responder de novo á chamada da serea do barco: «Isto do mar é cousa de nunca acabar». Agora, cumpridos os 71, recoñece que segue a estar disposto, se a ocasión o merece, mentres mata a fame de mar saíndo con frecuencia a pescar no seu bote.

Boa parte desa alegría coa que recorda a súa longa traxectoria de lobo de mar vén dada pola sorte que tivo, pois nunca foi vítima dun naufraxio ou dun apresamento. Iso non quere dicir que as súas mareas foran un camiño de rosas: «Os temporais nas Malvinas son tremendos. Alí vin de preto os perigos do mar, pois hai que traballar en calma ou con vento. Se o barco pode ir para diante, a rede ten que saír pola popa, non nos amedrentamos nunca».

Recoñece que nalgunha ocasión sufriu para esquivar un mal maior: «Nunha campaña en Namibia, un golpe de mar fixo que entrara auga na ponte como se a botaran cun mangueira. Quedamos sen goberno, coa proa cara unha illa e coa máquina avante. A auga chegounos ao xeonllo e empezamos a achicar nunha situación crítica. Ao final conseguimos saír dela e ás poucas horas estabamos de novo traballando».

Participación en rescates

O boirense tamén lembra outra marea complicada nas Malvinas, cando rescataron tres cadáveres que levaron a terra. Non se esquece tampouco da varias ocasións nas que participou en operativos para tratar de localizar a mariñeiros que caeran de outros barcos e mesmo aos tripulantes dun caza que facía tarefas de vixilancia e desapareceu no mar. Asegura que no medio marítimo, os xestos de solidariedade son constantes: «Non ten nada ver co que ocorre en terra. Aínda que se discute moitas veces por cuestións relacionadas coa pesca, no mar, ata ao peor inimigo se lle asiste».

A solidariedade e o compañeirismo son para Antonio Fernández as grandes leccións que aprende todo lobo de mar: «Ao longo dos anos faste con amigos entrañables e aprendes a depositar a confianza noutros, pois contar cun gran equipo é moi importante».

Este lobo de mar boirense, coñecedor como poucos das artes da pesca, non comparte en absoluto a estendida visión que hai dos mariñeiros como sinónimo de furtivos ou de depredadores: «Podo dicir ben alto que nunca me apresaron nin tiven conflito con autoridade algunha. Nós mellor que ninguén sabemos que un caladoiro é coma unha finca en terra, se a traballas e a coidas tes boas colleitas, pero se a abandonas, acaba quedando inservible».

Por iso Antonio Fernández se amosa optimista ao mirar cara o futuro: «Haberá conflitos polas cotas, xa que sacar un barco ao mar supón moitos gastos, pero eu creo que hai futuro na pesca». Sobre todo, segundo cre, para os galegos: «Por algo estamos considerados os mellores pescadores do mundo».

O día a día

Sería incapaz de vivir lonxe do mar. Antonio Fernández gusta de dar longos paseos, case sempre coa mirada posta no xigante azul. Tamén dedica boa parte do seu tempo a saír a pescar ou sinxelamente a navegar no seu bote.