Pablo Bugallo: «A decisión de xogar en Superliga foi positiva para o club e para Boiro»

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

Formado na Cachada e convertido nun dos nomes propios do voleibol nacional, enfróntase por primeira vez ao equipo que o veu nacer

26 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pablo Bugallo (Boiro, 1991) medirase este sábado, ás 18.30 horas, co equipo no que descubriu e se formou no voleibol. Convertido nun dos nomes propios desta disciplina en España, o barbancés explica o que espera deste curso. Tamén aproveita para recoñecer unha máxima: Non será sinxelo derrotar ao Rotogal.

-Quen lle diría fai nada que se enfrontaría ao Rotogal en Superliga. Como espera o encontro?

-É un partido que tiña marcado no calendario. Aínda que máis especial será o do 27 de febreiro, que é cando vamos nós alá. E por enriba, coincide co aniversario do meu pai. O certo é que Boiro está facendo unha boa campaña. Seguín o partido contra o Palma cando estábamos en Melilla e non gañaron por uns puntiños.

-Non está mal para ser o seu primeiro ano na liga.

-Estanlle dando sustos a grandes equipos e tamén a outros que levan máis tempo na competición. É digno de resaltar. Están facendo as cousas ben. A decisión de xogar en Superliga foi positiva para o club e para Boiro, e tamén para os afeccionados.

-A vós tampouco vos está indo nada mal.

-Si, sacando a derrota que tivemos en Lugo hai un par de semanas, estamos tendo un dos mellores arranques da historia do club. Fixemos sete vitorias seguidas, sen ceder un só set, e gañamos a Supercopa. E hai un dato máis, na casa levamos 24 vitorias consecutivas. A verdade é que vamos moi ben.

-Que se prepare o Boiro entón...

-O noso é un pavillón complicado, levamos una boa racha e temos un gran equipo, pero cada encontro é un mundo. Non hai que desmerecer a ninguén, estea onde estea na táboa, sexa de primeiro, na metade ou contra o final.

-E as súas sensacións que tal?

-A verdade é que moi ben. Comecei un pouco máis tarde que o resto, pero conseguín coller o ritmo e estou xogando todo, con bos números nos últimos encontros, sobre todo no bloqueo. Pero queda moita tempada por diante. Imos pasiño a pasiño.

-Que metas se pon o Teruel?

-Queremos loitar por tódolos títulos. O equipo está funcionando, gañamos a Supercopa e queremos rematar esta volta como líderes. Logo hai que pensar na Copa del Rey. Pero, o que digo, vamos pasiño a pasiño.

-Como se espera ao Boiro?

-Será duro, o Boiro chega a unha cancha histórica e terá ganas de demostrar que o está facendo mellor ca ben. A pesar de non poder contar coa nosa afección, trataremos de facer un partido bonito.

-Non é o mesmo sen público...

-A xente víveo moito. A verdade é que o público dálle emoción aos partidos. Bótase de menos ese sétimo ou decimoterceiro xogador que che da un empurrón.

-Este curso converteuse nun dos máximos anotadores do Teruel e nun dos xogadores con máis partidos disputados na historia da entidade.

-Si, é certo, pero non son moito de estatísticas. Prefiro xogar e cando chegue, que chegue. A verdade é que se valora, pero non é algo que me obsesione.

-Mañá pasarán outra PCR.

-Estamos confinados logo de que un xogador de Melilla dera positivo. Xa pasamos unha proba e demos negativo, pero decidimos illarnos para evitar riscos. Mañá pasaremos outra e si non hai problema, iremos a adestrar. Senón tocará tomar medidas.