Primeiro marchou o Oasis, e agora finou Benigno

BOIRO

Benigno Blanco
Benigno Blanco No disponible

Benigno Blanco Martínez faleceu aos 72 anos

07 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tanta nova lutuosa que nos chega por todos os medios ameaza con trivializar a morte, pero un négase a deixar pasar a de Benigno Blanco Martínez no medio dos centos que se producen cada día a causa do covid, porque Benigno non morreu polo maldito virus e porque el ten unha historia en Boiro que ben merece esta homenaxe, unha historia popular que o fixo acredor ao pedestal dos inesquecibles, no que están Manolo o do Bocacho, José o do Salvador Muñiz, Toño Palliñas e algún que se me esquece.

Como ocorre en Boiro, a identificación da xente vai sempre aparellada ao familiar ou á actividade máis coñecida, e Benigno queda na memoria popular como Do Oasis, pola cafetería que rexentou toda unha vida, un establecemento que ben merece ser lembrado como escola de hostaleiros e camareiros, porque alí, servindo naquela barra e naquelas mesas de area de Carragueiros cristalizada, deron os seus primeiros pasos moitos profesionais do sector que hoxe, nestes pésimos tempos para o colectivo, están á fronte de negocios ou traballando neles.

Naquel Oasis gozabas das mellores cañas acompañadas dun pratiño de patacas da casa fritidas e pinchos de tortilla a fartar, e dos bocadillos de xamón asado, pero tamén da simpatía de Benigno, que tiña a facultade de saber estar en case todas as caralladas históricas: algunha, vítima doutro inesquecible como O Candocho, como aquela falsa quiniela de 14 a conta da que foi unha festa con barra libre que rematou en calote; outras, de verdugo, como cando lle enviou a Garda Civil a un irmán porque tiña gardado un feixe de bombas para celebrar a liga do Real Madrid e augoulle a festa co susto dunha inspección por almacenamento de pólvora.

Pero tralo Benigno hostaleiro e a súa simpatía había unha gran persoa integrante dunha humilde e numerosa familia da Boliña que con traballo, dedicación e emprendemento soubo labrarse un futuro. Futbolero, recoñecido barcelonista, fundou un histórico do fútbol sala a nivel galego ao que lle puxo por nome Oasis, no que tamén xogou, e foi un apaixonado do Boiro. Hoxe que nas radios falan dos sanedríns, a algúns viríalles ben asistir a aqueles faladoiros que con intensidade, algunha de máis, se vivían no establecemento, con Benigno sempre metendo baza.

Hai xa anos que marchou o Oasis, e agora finounos Benigno, e a hostalería ten motivos para estar de loito, porque foise un mestre hostaleiro, un loitador que pelexou con dignidade contra unha enfermidade que foi consumindo o corpo que coñeciamos, pero non á persoa que quixemos.