Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Un boirense na loita antifranquista

Néstor Sieira COORDINADOR DE EU

BOIRO

06 nov 2020 . Actualizado a las 12:53 h.

oi pouca xente en Boiro sabería dicir, a día de hoxe, quen foi Antonio Seoane. E sorprenderíanse ao descubrir que estamos a falar dun dos maiores heroes que tivo nunca o noso país. Trátase dun persoeiro máis asimilable aos tempos das grandes xestas, e incluso a lendas mitolóxicas, que aos nosos tempos de espectáculos triviais, da industria do entretemento insubstancial e da procura do inmediato por riba do contido.

Seoane naceu en Boiro en 1906, pero tivo que emigrar a Arxentina coa súa familia tan só cinco anos despois. Alí viviu a típica existencia de emigrante pobre: traballou dende neno como carpinteiro e repartidor de periódicos, mantivo contacto coas comunidades da súa Galicia local e estivo atento aos designios do seu país de orixe. Pero o compromiso cos seus e co futuro de todas e todos, que late dentro dun verdadeiro demócrata, impulsouno a afiliarse ao Partido Comunista e a viaxar a España para loitar contra o franquismo cando xa era pai e a súa vida na Arxentina comezaba a ser tranquila e cómoda. A ditadura fascista trataba de se consolidar sobre os cimentos dun país destruído pola guerra; e mentres miles de republicanos intentaban fuxir da represión do bando nacional, Antonio Seoane introdúcese secretamente no país para unir as súas forzas á resistencia antifranquista.

Uns meses despois, Seoane sería o xefe do Exército Guerrilleiro en Galicia. Poucos exemplos máis nobres se me ocorren da amplitude que pode ter o concepto de patria e dunha mostra maior de sacrificio para defendela. Seoane foi detido xunto a José Gómez Gayoso, o responsable do PCE en Galicia, nunha encerrona do réxime. Tras meses de torturas e interrogatorios, foron asasinados o 6 de novembro de 1948. Polo que hoxe fai xustamente 72 anos. Os seus restos (o dos dous camaradas) están enterrados no cemiterio de San Amaro na Coruña e cada ano un grupo de veciñas e veciños lles brindan unha merecida homenaxe.