Marco Pérez, presidente do Atletas Caninos: «Ás persoas que formo sempre lles digo que o primeiro é o can, non gañar»

S. Gómez

BOIRO

CARMELA QUEIJEIRO

O club, que conta cun novo campo en Neixón, aposta por ensinar antes que competir

30 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai seis anos que Marco Pérez (Boiro, 1978) fundou o club Atletas Caninos co obxectivo de difundir en Barbanza unha disciplina que gaña adeptos en todo o mundo a pasos axigantados. Confesa que para eles a competición está nun segundo lugar e que o primeiro son os animais, que son os que lles dan sentido a tódolos esforzos.

-Cando comezou neste mundo?

-Fai 11 anos. Collín un can e déuseme por correr con el. Foi cando me dei de conta de que existía este deporte. Fun buscándome a vida, de maneira autodidacta, preguntándolle á xente...

-E o club?

-O club xa fai seis anos que se creou. Antes xa estiven noutro e logo formei unha asociación para captar a xente con esta afección. Foi cando o creamos. Agora estamos orientados ao multideporte. Temos pouca xente en canicrós. Nese aspecto estamos en horas baixas. Non é un deporte moi visto, menos nesta zona.

-Que pasou logo?

-Chegamos a 27 federados e agora somos uns sete. A xente marchou para outros lados e nós non somos de fichar. Nós creamos, collemos a xente que teña can e queira probar. Creamos unha afección. O que pasou foi que uns aburríronse e outros quixeron dar un paso máis e foron para outros conxuntos. O noso é un club para pasalo ben, moi humilde. Non sobran os cartos.

-Pois vin que tiñan unha instalación en Neixón. Onde estaba o campo de fútbol.

-Si, montamos alí un campo de adestramento. É para moitas disciplinas: agility, frisbee, parkour. Aínda estamos traballando nel. Quedou moi chulo, pero aínda non está como queremos.

-Póñense entón algún obxectivo a medio prazo?

-Ningún. O que queremos é pasalo ben cos cans. Se alguén quere competir, sen problema, pero non é algo primordial. Por experiencia, o mundo da competición canina é moi malo. Moita xente cánsase porque hai mala relación entre os participantes. É demasiado competitivo. Ás persoas que formo sempre lles digo que o primeiro é o can, non gañar. Aínda que vaias en cabeza, se o can non está ben, para. Hai persoas que non o ven así. Esa filosofía non vai comigo. Igual en outros clubs si, pero eu prefiro chegar último e que o can estea ben.

-A pesar de que o seu equipo non está centrado na competición, conseguiron unha morea de éxitos con Sabela Sampedro.

-A rapaza veu co seu padrasto para ensinarlle un pouco ao can. Pero vimos que lle facía moitísimo caso. O normal é ir pouco a pouco, pero tiñan unha simbiose espectacular. Cando empezaron a correr xuntos foi unha loucura e metémola no Campionato de España, para ver o que saía e saíu moi ben. Traballouse moito, iso si.

-Que fai falla para iniciarse nesta actividade entón?

-O primeiro é a motivación. Se non a hai é imposible. Eu teño dous cachorros cun potencial tremendo, pero por agora non teñen a motivación de correr. É difícil preparar un can de cero.

-Que disciplinas desenvolven?

-Facemos frisbee, agility..., pero non é en nivel competitivo. Iso si, cando adestramos, facémolo coas normas oficias. Os obstáculos de agility teñen as medidas oficiais. O que queira competir pode facelo. Tamén facemos detección de substancias e obediencia, básica e avanzada. O que estamos inventando agora son dúas disciplinas chegadas de Estados Unidos, flyball e dog parkour. E iniciamos á xente en canicrós, rutas de canitrekking, bikejooring, patín e triciclo. O material é feito por nós. Non hai cartos para comprar unha pista de agility. Unha rampla soa sáeche por mil euros. Facémolo nós, pouco a pouco.

-E as portas dos Atletas Caninos están abertas?

-Si, si, pero o campo témolo reservado para os socios, senón sería unha tolería. Na páxina web está o noso contacto para quen queira unirse. Hai xente que vai ao campo como se fora un parque infantil, que non está mal. Aquí é benvido todo o mundo. Incluso unha das últimas rapazas preguntou se podían entrar cans de protectora que non eran de pura raza. Da igual, todos son benvidos. Aínda que haxa cans con certos problemas, hai que intentar axudalos.

-É posible facelo con todos?

-Nos facémolo na medida das nosas posibilidades. Depende moito do exemplar. Hai moitas técnicas, pero para min a mellor é a de socializar. Levalos ao monte a facer trekking con outros 30 animais. Agora co coronavirus é máis difícil, pero logo de facer unha ruta de dúas ou tres horas, o animal vaise habituando. E no campo de adestramento, soltalos xuntos. E os que teñan problemas van ca súa boceira.

-Tiñan prevista una proba da liga galega en Boiro.

-Pero non puidemos facela polo tema do covid. Cancelamos antes de tempo e non nos arrepentimos. Fixémola tódolos anos, e convela uns gastos, e non estamos dispostos a perdelos. Como é lóxico.