Luis Ourille: «O efecto rebote na canteira tralo confinamento foi espectacular»

BOIRO

MARCOS CREO

O director deportivo do Piragüsimo Rías Baixas aposta porque o equipo de competición chegue ao nivel dos das grandes cidades

28 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Piragüismo Rías Baixas non tería sentido sen Luis Ourille (Boiro, 1988). Logo de 25 anos na entidade, é xa un segundo pai ou un irmán maior de moitos dos seus pupilos. El quítalle importancia e destaca tres nomes, os de Sergio Pérez, Michael Ordóñez e Sandra Triñanes. «Sen eles sería imposible. Todos facemos un pouco de todo», confesa este barbancés, piar dos padexeiros da costa norte da ría de Arousa.

-En Ribadumia puxeron o punto final a unha tempada complicada.

-O certo é que o ano apuntaba moi prometedor. Tiñamos un equipo moi compacto e competitivo para a liga nacional, pero o virus botou todo por terra. Xerou incerteza en todos, e ao final suspendeuse a liga, que foi un golpe duro. Recuperamos a actividade paulatinamente logo do confinamento e os rapaces motiváronse de novo. Ao final rematamos ben, con dúas participacións internacionais e con Lucía, Raquel e Adri nos selectivos nacionais. Na Liga Galega por equipos estivemos moi ben, e individualmente logramos metais.

-Como foi o confinamento?

-No aspecto de adestrador estivemos con esa incerteza de si íamos a competir ou non. E por outro lado, tiñamos aos deportistas nas casas sen material. Foi complicado. Facían traballos con garrafas de auga, con gomas... Hai xente que adestra para estar ben fisicamente, pero outros fano para uns obxectivos. Para meterse nun campionato do Mundo, por exemplo. E foi máis duro.

-E ao final saíron reforzados do verán. Con moitísimos rapaces nas escolas municipais.

-O efecto rebote na canteira tralo confinamento foi espectacular. Tivemos unha moi boa acollida por parte dos rapaces de Boiro, chegamos a uns 70.

-Volverán o próximo ano?

-Moitos xa quedaron no inverno. Incrementamos moitísimo as categorías base. Unha das causas polas que tivemos tanta afluencia foi polo cambio de sede. Agora dispoñemos dunhas instalacións máis grandes, con máis material. Antes podíamos ter como máximo dez rapaces por adestrador, agora son máis do dobre.

-Levaban moitos anos reclamando a saída de Escarabote.

-O cambio deuse en verán e xa o notamos. Agora non temos que recortar os grupos. Co tema do covid os rapaces están repartidos por horarios e categorías.

-Adaptáronse ben ao virus?

-Por agora tivemos sorte e non tivemos ningún positivo. Nas competicións tampouco houbo problemas. Algún rapaz tivo que pasar a corentena por algún positivo na clase, pero reincorporáronse unha vez pasados os 15 días. Aquí é obrigatorio estar coa máscara. Cando están na auga sácana e métena nunha bolsa impermeable.

-Cambian moito os plans con este cambio da sede?

-O obxectivo é incrementar o número de rapaces nas categorías base. Estaban en decadencia porque non había sitio para meter a máis xente. A sede anterior era tan pequena que non nos daba para todos. A meta é que eses rapaces que veñen de abaixo acaben nutrindo o equipo de competición. Esa é a nosa filosofía.

-Esperan resultados a corto ou medio prazo?

-A canteira xa foi dando resultados estes anos. Coa nova sede queremos ser un dos clubs punteiros de Boiro. Antes tiñamos que reducir as fichas federativas. Aínda que houbera rapaces que querían facer piragüismo, non había espazo. Acababa o verán e tiñamos que pechar as portas porque non cabía ninguén máis. Iso agora non está acontecendo. Dos 70 rapaces que estiveron este verán, 25 xa quedaron no club. E queremos que para o ano que vén isto se repita. Que sigan os que están e que poida entrar outra remesa.

-Ten que ser complicado loitar contra o monopolio do fútbol.

-O noso é un deporte minoritario. E ademais é caro. No fútbol con cinco pelotas poden adestrar, e iso é unha inversión mínima. No noso caso, para ter a 15 rapaces fanche falta moitos cartos.

-Pero vostedes contan con material de abondo, non?

-Si, a última subvención que recibimos destinámola ao material das categorías base. Por iso puidemos ter a tantos rapaces.

-E co equipo de competición que teñen en mente?

-Contamos cun proxecto ambicioso, cos equipos masculino e feminino nas máximas divisións nacionais. A nivel individual temos a Adrián Mosquera co obxectivo de meterse nos Xogos Paralímpicos de Tokio, e a Raquel da Costa e Antía Romero, que teñen como meta ir ao clasificatorio para Tokio. Temos bos resultados que acreditan o nivel de alta competición que hai en Boiro. E queremos que creza, ata o nivel que hai en outras cidades de Galicia. Que Boiro non sexa menos.