Barbantia pon en Boiro o foco na literatura

BOIRO

MARCOS CREO

Antón Riveiro Coello, Héctor Cajaraville e Aurora Marco presentarán as súas obras

27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa colaboración do Concello de Boiro, Barbantia celebrará este fin de semana o Día das Letras Galegas, efeméride que fora adiada en maio por mor do confinamento. Nesta ocasión non haberá romaría, pero si outras actividades que buscan poñer o foco na literatura. A asociación cultural contará coa axuda dos escritores Aurora Marco, Héctor Cajaraville e Antón Riveiro Coello.

Este último autor será o encargado de abrir os actos desta atípica festa das letras. O venres (centro social de Boiro, 20.30 horas) presentará O paraíso dos inocentes, obra coa que gañou o Premio Torrente Ballester 2019. Estará arroupado polos membros de Barbantia María Xesús Blanco e Xesús Laíño, así como por Xurxo Couto, deputado de Cultura, e José Ramón Romero, rexedor local. A escola de ballet Cen Pliés pechará este acto que coincidirá coa saída á luz, o sábado, do suplemento número 158 de A Voz de Barbantia.

As persoas que desexen acudir a esta cita teñen que inscribirse previamente enviando un correo a reservacultura@boiro.gal.

As actividades do Día das Letras continuarán o sábado en Boiro con dúas novas presentacións literarias, que se sucederán a partir das 17.00 horas. Héctor Cajaraville dará a coñecer Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso e Aurora Marco debullará o contido de Foula e ronsel. Os anos que marcaron a biografía de Carvalho Calero (1911-1941). Para asistir é preciso anotarse no correo pastor@barbantia.es.

Parte lúdica

Logo dun descanso de media hora, sobre as sete do serán dará comezo a parte máis lúdica desta festa das letras organizada entre o departamento de Cultura do Concello de Boiro e a asociación Barbantia. Consistirá nun espectáculo de música infantil a cargo de Os Monifates, que chegarán coma sempre acompañados da súa familia de marionetas, e nunha actuación de música tradicional coa agrupación local Xilbarbeira. Tamén para gozar destas actividades é preciso inscribirse previamente en reservacultura@boiro.gal.