A infausta morte de Cándido Castillo, O Pichón d?A Ponte

Un día de abril de 1937 era asasinado ao pé da súa casa


En abril de 1937, nove meses despois do golpe de Estado contra a República, Boiro seguía a vivir baixo o réxime de terror implantado pola xunta militar do xeneral Franco. Había apenas medio ano que o mestre andaluz e concelleiro de Unión Republicana, José Caballero, fora «paseado», e que os cadáveres dos irmáns Somoza Piñeiro, Os Carestos de Escarabote, aparecesen tirados nunha paraxe de Taragoña. Menos tempo transcorrera dende que o edil socialista Manuel Brión fose abatido na Fonte do Mouro, cerca da súa casa natal, e que o corpo do mineiro de Bealo Agustín Horta, aparecese no Confurco. Asasinatos aos que había que sumar outros máis, cometidos anteriormente, e varias execucións tras infames consellos de guerra, como as dos concelleiros Juan Outeiral e Álvarez Gantes.

Agora, cando abril do 37 ía rematando, o elixido polos partidarios máis radicais do novo réxime era o veciño de Ponte Goiáns Cándido Castillo González, O Pichón, xornaleiro de trinta e tantos anos, viúvo e sen fillos, que fora secretario da Unión de Canteros y Oficios Varios (UGT) e ocupara eventualmente, primeiro a presidencia e despois a secretaría da Agrupación Socialista Obrera local.

Con sona de bo home ao tempo que de indolente e inxenuo, Cándido Castillo non fuxira de Boiro nin se agachara a pesar do crecente número de mortes de esquerdistas. Parece ser que non saía moito da casa pero alí seguía, n’A Ponte, convencido de que nada punible fixera e, polo tanto, nada malo lle podía suceder. Non obstante, non pensaba o mesmo a cuadrilla que o día 22 daquel mes de abril se achegou ata o seu domicilio para acabar coa súa vida.

Ferida con arma de fogo

Na inscrición da súa defunción no rexistro civil indícase que o falecemento foi consecuencia da hemorraxia interna producida por ferida de arma de fogo. Segundo se di, a morte de Cándido, O Pichón, chegaría tras unha prolongada agonía na estrada, onde o desgraciado xornaleiro se desangrou sen que ninguén se atrevese a mirar por el.

Marcelino Castro, O Pinchudo, daquela veciño d’A Ponte, deunos testemuño do episodio, que coincide no esencial co de varios informadores máis: «A Cándido Castillo matárono xa había moito que entraran as tropas. Foron os de aquí, os da Falange. Uns borrachos e uns ghalopíns. Estaba eu nunha casa pequena, aghachado, alí na Ponte Ghoiáns, ao pé da casa de miña nai mesmo [...] Porque Cándido nunca estuvo aghachado o home. Estaba máis ben na casa, e non salía e tal. E pasaron varios da Falange. Porque eu estaba no faiado, e tiña unha mirilla alí. E pasaron para abaixo [...] Dalí a un pouco sentín uns tiros. E metínme nun aghacho que tiña feito no piso, debaixo da cama. Á casa nosa non viñeron tampouco, sabes. Non, porque xa o mataran a el. Ao peghárenlle os tiros, formouse un rebumbio e tal. E despois eles marcharon para a súa casa moi satisfeitos. E asta non o acabaron de matar, que estuvo aghonizando na carretera cerca de 24 horas. E ninguén se atrevía a botarlle a man, claro».

Efectuado na vía pública a pleno día por un nutrido grupo de falanxistas, o asasinato de Cándido Castillo, O Pichón d’A Ponte, constitúe un claro exemplo da impunidade e covardía coa que a extrema dereita no poder chegou a levar a cabo o seu criminal cometido en Boiro.

O Pichón morreu tras unha longa agonía na estrada da ponte, sen que ninguén se atrevese a mirar por el

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A infausta morte de Cándido Castillo, O Pichón d?A Ponte