Barbantia abre o curso con Elisabeth Oliveira e Agustín Agra

BOIRO

MARCOS CREO

A asociación prevé festexar en Boiro o Día das Letras Galegas

11 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois do parón estival, Barbantia volve á actividade para seguir ofrecéndolle aos barbanceses a posibilidade de descubrir as estreas editoriais. Regresa da man de Eslisabeth Oliveira, unha escritora de pais portugueses nacida en Francia, e de Agustín Agra, un mestre noiés que volve á narrativa galega despois de cinco anos de silencio editorial.

Oliveira desembarcará estar tarde en Ribeira (centro cultural Lustres Rivas, 20.30 horas) para presentar Náufragas no mar e na terra, un poemario que busca reivindicar a xustiza e a igualdade. A escritora estará arroupada pola concelleira de Cultura, María Sampedro, e polos membros de Barbantia Encarna Pego e Antonio Piñeiro.

O 25 será o autor barbancés Agustín Agra o que volva a reencontrarse cos lectores da man da asociación cultural. Regresa ao eido narrativo estreándose coa editorial Galaxia para ofrecer un monllo de relatos centrados na natureza humana e tamén na orgánica. Coma se dun caderno de campo se tratara, o noiés analiza en Silencio os tempos e os espazos.

A presentación do libro terá lugar no coliseo Noela, onde acompañarán ao escritor Antonio Piñeiro e María Xesús Blanco, en representación de Barbantia, e Francisco Castro, de Galaxia.

A asociación cultural tamén está a preparar xa a celebración do Día das Letras Galegas, que este ano foi aprazada para o 31 de outubro por mor do coronavirus. A idea é levar a cabo unha serie de actividades en Boiro, no pazo de Goiáns ou no parque de A Cachada, pero aínda están sen concretar, á espera de determinar o que é factible organizar tendo en conta as restricións vixentes.