Javier Lago: «Queremos estar sempre no máis alto»

Tras gañar a liga, aposta por meterse na Concha e loitar polo ascenso á Euskotren


Javier Lago (Boiro, 1987) naceu para ser remeiro. Non só pola súa condición de veciño de Cabo de Cruz, que tamén, senón porque cando aínda era un adolescente xa navegaba a ría en traíña. Unha grave lesión apartouno do equipo, pero non da formación de novos deportistas. Dende o 2006 forma parte das escolas do club e dende o 2018 dirixe á bancada feminina. Logo de acadar o título da Liga Galega de Traiñeiras, envía unha mensaxe de alerta: a tempada aínda non rematou.

-Bo verán.

-De momento está sendo moi positivo. Éramos o bloque do ano pasado ao que se sumaron xuvenís de primeiro ano. Demos un paso cara adiante moi grande. Non só por gañar a liga, senón por seguir formando ás rapazas e facelas máis remeiras. A nivel físico son máis fortes, pero a nivel mental, o dobre.

-E agora toca a fase de ascenso á Liga Euskotren e a clasificatoria para a Bandeira da Concha.

-Veñen dous obxectivos moi importantes. Non vamos ao País Vasco a pasar un trámite. Se non nos metemos non é dar un paso atrás, pero queremos rematar a tempada o máis arriba posible.

-Ve posible acadar algún dos obxectivos?

-Eu vexo ao equipo con posibilidades, e medo non temos ningún. Debemos ir a loitar porque vai estar todo moi igualado. Na Concha hai unha serie de equipos que quedarán fóra a pesar de ter nivel para entrar na final. Vaise a decidir por segundos e intentaremos non fallar. Se non pasamos que non sexa por non intentalo.

-Pois se a final da Concha é difícil, entrar na Euskotren...

-Certo, na Concha pasan sete equipos e na Euskotren hai unha praza. Pero é diferente, porque hai cota de canteiranas. Pero aínda que non pasemos á final en San Sebastián iremos igual ao playoff. Loitaremos de novo e a ver o que sae.

-Interésalles subir? En Galicia agora mesmo están dominando.

-Nós coma club queremos estar sempre no máis alto. Para iso traballamos. Igual non somos as mellores, pero si as que máis traballan. E calquera deportista querería estar na Euskotren. Na máxima esixencia é onde te formas como deportista. Sempre hai esa pregunta de se é mellor ganar, ou se é mellor subir e acabar abaixo. Pero eu creo que sempre é mellor estar arriba, sempre.

-Nesta liga galega faltaron equipos importantes nos últimos anos, como Ribeira ou Mecos.

-Faltaron nomes, pero non por iso baixou o nivel. Nós estábamos máis fortes que o ano pasado, cando acabamos segundas. E a liga deu un paso adiante con respecto ao nivel. Se estivéramos todos non sei onde acabaríamos. Igual habería máis cambios de posicións, pero eu creo que non nos sentiríamos inferiores. A deste ano non foi unha liga inferior.

-O que si condicionou todo foi o confinamento.

-Sobre todo a nivel psicolóxico. Foi duro adestrar na casa, ver que os contaxios ían a máis, que se cancelaban tódalas probas. Nós tiñamos que seguir adestrando, sabíamos que aquel que se rendera perdía, e iso fíxonos máis fortes. Se puidemos pasar os adestramentos na casa, agora todo era cuestión de gozar do remo. Logo houbo o problema dos contaxios e andábamos con pes de chumbo. Díxenlle que fosen con coidado, porque ao final es deportista e non fallas ti soa, senón que se ti veste lastrado, logo lastras ao equipo. E perdes todo polo que loitaches tantos meses.

-É moi complicado porque o risco está onde menos esperas.

-Si, é certo. Non depende de ti e cada un ten os seus contactos persoais. Pódeste coidar e ao final paras a falar cun amigo e, quen sabe onde estivo?

-Outro reto que teñen é o de manter este bloque no futuro. Imaxino que moitas rapazas acceden á universidade e outras ao mundo laboral.

-É complicado, pero intentaremos que sigan. Se estiveron ata agora, poden facelo. A veces existe ese medo a non poder compaxinar ambas cousas, sexa estudos ou traballo. O remo masculino ten moita historia, e o feminino acaba de comezar. Non hai tantos referentes, e os que hai son xente de 20 anos que aínda se está formando. Pero estanse dando pasos, con xente máis veterana, máis formada, que aguanta os bloques, aínda que custe. No noso caso sempre perdes algunha remeira e estamos seguido a renovar. A elas dígolles que se lles gusta este deporte, se o practican e loitan dende pequenas, teñen que seguir facéndoo.

-Comparando a media de idade vosa coa dos equipos da Liga Euskotren nótase.

-Si, mira, no 2016 o equipo que había en Cabo tiña unha idade media de 19 anos. E agora seguimos coa mesa. A xente que tiña que estar tirando do carro foi abandonando, entón son as cadetes que pasan para xuvenís as que ocupan o seu lugar. No noso club queremos apostar por elas, pero custa, non é só o que ti queiras, é o que elas queiran.

-Aínda falta para chegar ao nivel do remo vasco.

-Este ano ía ser un ano que se podían dar as circunstancias para ir crecendo. Había dez equipos inscritos, que xa era unha cifra moi importante, pero o covid chegou para impedilo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Javier Lago: «Queremos estar sempre no máis alto»