Changui despídese do Boiro: «Necesito distanciarme do fútbol e vivir un pouco máis a miña vida»

O dianteiro deixa o club e medita se colgar as botas esta mesma tempada


Logo de dous anos de traballo á fronte da presidencia do Boiro, Marcos Yáñez, Changui (Boiro, 1977) deixa a directiva. Aquí explica os seus motivos e bota a mirada atrás para valorar o camiño percorrido. Asegura que o club onde se formou queda nas mellores mans e que sempre estará dispoñible para o que sexa necesario. Os anos pesan, afirma, pero dáse unhas semanas para meditar se colgar ou non as botas.

-Foi unha sorpresa para todos que deixara a presidencia.

-Chega un punto no que hai que coller aire. Creo que necesito distanciarme un pouco do fútbol e vivir un pouco máis a miña vida. Agora é o mellor momento, porque o Boiro está nunha boa situación deportiva e económica.

-Acabou queimado?

-Non é sinxelo. Tes reunións todos os días, ademais dos adestramentos, os partidos... Non é só o equipo sénior, están tamén o Abanqueiro e as escolas. E eu tamén teño un traballo e quedaba case sen tempo para a familia. Mentalmente ves que te desgastas. Para estar nun club coma o Boiro hai que estar cen por cen preparado, sobre todo para poder afrontar unha tempada como a que se vén enriba polo tema do covid. Falei cos meus compañeiros da directiva e repito que o Boiro queda nas mellores mans. A partir de aquí verei que facer, tanto no tema persoal como no deportivo. Agora necesito dúas ou tres semanas de non pensar no fútbol e airear a cabeza.

-Xogará este ano?

-Non sei, non sei, case ao 100 % que non. É o que dicía, non teño mentalmente esa ilusión por volver a xogar. O ano pasado foi unha das miñas peores tempadas e tampouco quería retirarme con esa espiña cravada. En principio quero desconectar unhas semanas e a partir de aí verei o que facer, se hai algunha oferta interesante... Aínda é cedo.

-Entón desvincúlase totalmente do Boiro?

-Si, agora mesmo desvincúlome tanto da presidencia como do meu papel como xogador. Queda xente cualificada e téñenme para o que necesiten. Se algún día precisan axuda ou consello contan co meu teléfono. Pero en termos legais estou fóra do club.

-Que valoración fai desta última etapa á fronte do Boiro?

-Foron dous anos moi bos. Fixemos un traballo enorme para sacar ao Boiro do pozo, lavar a imaxe que se tiña del e colocalo no nivel social no que se atopa actualmente. Agora falta devolvelo a Terceira, pero os ascensos sempre son difíciles. Para este ano conseguimos confeccionar un equipo que para min é o mellor dende que estamos aquí. E iso vese na ilusión da xente. Aínda quedan dous anos de mandato e sigo pensando que todo o que faga esta directiva será para poñer ao Boiro no máis alto.

-Recibiron o club nunha situación economicamente dramática, con 400.000 euros de débeda.

-O que se fixo para reducila foi un éxito rotundo. Pero devolverlle o nome ao club no aspecto social era tamén unha parte importante. A imaxe do Boiro estaba nun punto lamentable. Ninguén cría na entidade. Agora os xogadores fano e os afeccionados respéctanos en toda a comarca.

-Apostou por crear o club con xente da zona, conseguiuno?

-Dende o primeiro momento dixen que o proxecto era ese. Se miras o equipo da tempada 2020-2021, con excepción de catro ou cinco, todos son de aquí. Hai un proxecto coas escolas que aínda non deu todos os froitos que queriamos, pero temos que traballar todos xuntos e darlle tempo. En dous ou tres anos ten que comezar a verse.

-Como se espera unha semana sen ter partido o domingo?

-Vai ser raro. Pero quero descansar. Levo 30 anos nisto do fútbol sen descansar nin un verán. E agora agradécecho o corpo e a mente. Pero tamén me gusta velo, ver aos rapaces da canteira e aos compañeiros. Toca cambiar o chip e pasar a outro lugar ao que todos temos que chegar. A idade é o que che fai tomar decisións, creo que xa prolonguei a miña carreira bastante, máis do que eu pensaba.

-Entón veráselle en Barraña?

-Si, si, eu son un afeccionado máis do Boiro. Deséxolle o mellor e sei que hai grandes futbolistas que lle darán grandes alegrías a todos. Xuntouse veteranía con xuventude, rapaces que veñen con ganas de demostrar e de ser algo nisto do fútbol, e o Boiro pode ser o seu trampolín. Pero Preferente é unha liga difícil e toca demostralo no campo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Changui despídese do Boiro: «Necesito distanciarme do fútbol e vivir un pouco máis a miña vida»