O monte do Sino chora pola marcha de Juan o de Oliva

Ramón Ares Noal
Moncho Ares OBITUARIO

BOIRO

PEPA LOSADA

Juan Manuel Lojo finou o luns de forma inesperada

12 ago 2020 . Actualizado a las 09:29 h.

Omonte do Sino foi outro campo de xogos da nosa nenez. Sendo máis grande, sempre me preguntei de onde procedería o nome porque é o do máis orixinal. Prefiro pensar que ten que ver coa acepción de destino, de predestinación, porque os nenos que xogabamos entre os seus piñeiros estabamos predestinados a ser felices, e abofé que o eramos daquela e, espero, ao longo da maior parte das nosas vidas, aínda que estas sexan efémeras, tanto que xa boto de menos a moitos dos que nos confundiamos entre os picaños e fieitos: os cativos do Camiño de Vello, os de Bao, e, como non, os das casas da contorna do monte. Dunha destas saíu Juan Manuel, o fillo de Oliva, que no noso Boiro sempre se lembrará como Lojo. El foi o último dos nenos e nenas que gozamos do monte do Sino en emprender a marcha, trala senda dos sempre estrañados e queridos José Enrique, Elías e o meu case irmán Juan.

Lojo finou antonte de forma inesperada tras superar unha grave enfermidade que, porén, lle deixara secuelas polas que optara por coidarse máis nos últimos tempos.

A vida obrigárao a madurar rápido, e fixo o que moitos mozos dos anos setenta: marchar a navegar, como fixera seu pai, que tamén finou mozo. Pero antes, como outros nenos boirenses, xa probara se tiña vocación para ser cura e entrara no seminario dos Padres Somascos de Caldas de Reis.

Xa sendo un home, Juan o de Oliva, ou Lojo, compartía o seu humor pola hostalería da vila: Oasis, Bocacho... e gozaba das festas coma o que máis, na compaña dos caralláns do pobo.

Pode que o noso sino sexa que as nosas almas volvan ao monte, pero mentres, os piñeiros choran as ausencias.