A señora María faise viral case unha década despois da súa morte

Un vídeo no que aparece a octoxenaria de Neixón leva preto de 53.000 reproducións


Ribeira / La Voz

«En Boiro... En Boiro... Hai moito ambiente... Hai de todo, eh? Pero tamén hai xente boa». A moitos pode que esta expresión non lles diga nada, pero son milleiros os que recoñecerán nesas palabras á señora María de Neixón, ou María de Juan, ou María do Moucho. Hai case dez anos que morreu, nunha fría mañanciña de marzo do 2011, pero esta semana as redes sociais fixérona revivir ao converter en viral un vídeo gravado hai máis dunha década por Toño Chouza.

Moitos xa coñecían a María Miranda de antes. No blog do proxecto arqueolóxico dos castros falaban dela como a alma de Neixón. Todos os que pasaron polo campo de traballo mentres viviu saben quen era a señora María, e é moi posible que calquera que visitara o xacemento nalgunha ocasión se topara con ela, que a vira co seu corpo miúdo empuxando da súa carreta cargada, co seu sombreiro de palla. E é moi posible que acabara falando con ela, porque ela sempre estaba disposta a iniciar unha conversa con quen a quixera escoitar. Facíao con franqueza, mirando aos ollos fixamente, e cunha linguaxe e unha desenvoltura que agora están a descubrir as preto de 53.000 persoas que viron nas redes a curtametraxe de Toño Chouza.

Mil compartidos

Aínda que o vídeo está en Internet dende hai anos, vén de facerse viral a través das redes sociais, despois de que de se publicara no perfil de Orgullo Galego. A publicación é do luns, e onte acumulaba máis dun milleiro de reaccións e de compartidos por outros usuarios de Facebook.

Quen non vira as imaxes estarase a preguntar a que se deberá tanto interese nunha octoxenaria que vivía soa nunha aldea de Boiro. Pero é que a señora María era xenio e figura, e para mostra un botón: «Tiven a ocasión de casar cun de Cures. Eu non valía. Non casei pero queríame moito dios, porque eu non aguantaba a calquera. Me cago no demo».

E así como falaba con retranca ou contaba onde estaban os zulos nos que se agochaba o tabaco cando era a época do contrabando -outra peza audiovisual na que participou a señora María-, era quen de contar a súa difícil vida con toda a sinxeleza e naturalidade do mundo sen quitarlle nin un chisco da súa crueza. Como cando explica no vídeo que só volveu a ir de romaría unha vez despois de quedar embarazada porque non quería atoparse co pai do seu fillo, casado con outra, ou como deu a luz: «Ao escurecer o 31 de maio naceu o meu fillo, e eu alí soa a padecer, que me sentiron berrar en Quinteiro, e aínda fun traballar ese día».

«Son soa»

Cóntao coma se tal cousa, coa mesma franqueza coa que fala de si mesma e que fixo que milleiros de internautas quixeran coñecer o seu relato nas redes: «Ahora que, a tola máis grande que hai nesta volta son eu, de andar a traballar e a facer todo, son eu. Cada un é como dios o dou. Porque teño lavadora, teño polvos e teño auga, e aínda vou con calcetíns e zapatillas ó río lavar, e non vai ninguén. Son soa».

De tola María tiña ben pouco, e quizais era por fuxir desa soidade polo que se converteu na principal relacións públicas de Neixón. Pero o feito de ser querida por todos os que a trataron non puido evitar que tamén morrera soa, atropelada por un camión na autovía do Barbanza, nun tráxico final que botou aínda máis tristura por riba do seu falecemento. Por sorte, deixou a súa testemuña, para que cada un poida resucitala cando lle pete.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
27 votos
Comentarios

A señora María faise viral case unha década despois da súa morte