Da adquisición da propiedade e da súa ruína

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

BOIRO

MONICA IRAGO

A loita dos veciños de San Vicente pola terra rematou en 1875

18 may 2020 . Actualizado a las 10:20 h.

A extraordinaria historia da loita dos veciños de San Vicente pola titularidade da terra acabouse nos derradeiros días de 1875 cando culminaron centurias de combate contra Igrexa, mosteiros e foreiros e conseguiron ser plenos propietarios das leiras que traballaran durante séculos. Para chegaren aí, un dos feitos máis sobranceiros ocorreu en 1717, data na que, cunha desesperación colectiva, decidiron organizarse, asaltar a fidalga Casa Torre da Fonte, destruír todo vestixio dos foros e, como xustiza popular, condenar simbolicamente a desterro ao foreiro. Pagaron un prezo terrible: un de cada casa rematou no cárcere ou fuxido e cos seus bens poxados. Posteriormente, a veciñanza foi chegando a pactos, decotío imposibles de cumprir, cos sucesivos donos dos foros. Pola súa banda, os foreiros transmitían os dereitos por vendas e herdanzas; naquel 1875, o titular era Robustiano del Río y Coello, señor do Pazo de Fonteneixe, en Santa Baia de Boiro. Entrementres, no Grove, Francisco Otero Moraña (1836-1907) incrementaba a fortuna da súa familia coa salga e aspiraba a ser fidalgo foreiro. Comproulle os foros ao de Boiro, a quen os veciños tiñan demandado ao amparo da lexislación de desamortización. Cando Del Río Coello comunicou que vendera a Otero Moraña, os veciños seguiron na loita e, de novo un párroco, Juan Benito Mo e Vila, fixo de mandatario para preitear contra o máis poderoso do Grove, despois alcalde, como fillos e un sobriño: «Y hecha que fue la venta por el Río Coello al Otero Moraña entablé el retracto por las pensiones que ellos pagaban e iban incluidas en tal venta, mas como no estaba discretado el tanto que cada uno pagaba y el Otero Moraña no consintiese el retracto sino por el total o sea por toda la venta que así en junto le hiciera el Río Coello, tuve que admitirla en total debiendo advertir que en ella se comprenden también los atrasos de renta y censos. Tuve que abonar al Otero el precio en que constaba hecha la venta, o sean 32.000 reales así como 2.794 reales y 70 céntimos como reintegro de la contribución, empréstito y derechos que a la Hacienda pagara el Otero; pero nada me descontó ni reintegró por los atrasos que él haya percibido de esas rentas y censos». Para resarcir a Otero Moraña os veciños utilizaron foros recadados na Casa Torre da Fonte, poxaron dúas arcas que había nela e o terreo denominado Entre os Lagos e, para o resto, cada un achegou segundo o que adquiría, nun acto celebrado o 30 de decembro de 1875 na salga da Barcela. A familia Otero Moraña obtivo outras posesións en San Vicente en desamortizacións, polas que continuou cobrando rendas ata avanzado o século XX; despois, coa decadencia da fortuna familiar, alleounas, case sempre barateiras. Aqueles veciños, uns cento corenta, levaban os apelidos que perduran hoxe na parroquia, testemuña de seren herdeiros do logrado en centos de anos de pugna. Agora, esas terras que costaron tanto están maiormente abandonadas, outras vendéronse para segundas residencias e as máis devecen pola concentración parcelaria. E tanto da Casa Torre da Fonte como da Casa de Lordelo, permanecen só as ruínas. Quedóucheme un final tristeiro. Pero así foi e así é.