A derradeira viaxe dos irmáns Somoza Piñeiro

Tras ser mallados no xulgado de Boiro, acababan mortos nunha paraxe de Taragoña, no outono do 36


Con data do 8 de outubro de 1936 eran anotadas no rexistro civil de Rianxo as mortes de José e Maximino Somoza Piñeiro, irmáns e veciños do núcleo boirense de Escarabote, de 24 e 22 anos de idade. Os seus cadáveres apareceran nunha paraxe de Taragoña, apenas separados uns metros. En ambos casos, indícase que a causa do falecemento foi unha hemorraxia interna, sen máis, obviando que a hemorraxia se orixinara polos disparos dunha arma de fogo.

O dobre crime coincidía cos momentos iniciais da represión promovida pola Junta de Defensa Nacional, que gobernaba o territorio dominado polos militares sublevados contra a República no mes de xullo, ou Zona Nacional, e que en Boiro provocara xa asasinatos como os de Santos Ruíz, veciño de Cabo da Cruz, de 18 anos; Manuel Piñeiro, de Belles (Macenda), de 31, ou Ricardo Vilas, veciño de Treites (Cespón), de 42.

Sen máis significación política ou sindical que a súa filiación a unha sociedade obreira, non sabemos se da UGT ou da CNT, os irmáns Somoza Piñeiro eran uns de tantos humildes traballadores aveciñados no populoso, mariñeiro e esquerdista núcleo de Escarabote, onde vivían coa súa nai, viúva e xornaleira, e dous irmáns menores, de 16 e 13 anos.

Coa súa mocidade e no contexto do momento é fácil imaxinalos, en cambio, integrando unha das partidas de milicianos que, baixo a dirección do comité de defensa da República, organizado en Boiro a instancia do Goberno Civil como reacción ao golpe de Estado de xullo, exerceran un estrito control sobre as persoas sospeitosas de conivencia coa rebelión militar. Así o fixera o seu irmán maior Juan, de 26 anos, condenado a posteriori pola xustiza militar franquista a 15 anos de prisión.

Instigador

Segundo nos testemuñou Moncho Somoza, fillo de Juanito o Chono, alcalde socialista na fin da República, despois de quedar sometido o concello de Boiro á autoridade dos partidarios do golpe de Estado, un mozo de Escarabote dunha acomodada e influente familia -que sufrira especialmente a actuación dos milicianos do referido comité- instigou a detención e represión dos seus veciños José e Maximino.

Baseándose no relato dun falanxista arrepentido -tal vez testemuña directa do sucedido-, Moncho Somoza contábanos que, tras recibir unhas brutais malleiras no funesto xulgado boirense que se atopaba en Cimadevila, os irmáns Somoza Piñeiro foron obrigados a embarcar nun coche en compañía de varios falanxistas e, ao menos, un garda civil, marchando de Boiro con dirección a Taragoña. E que, unha vez na entrada desta localidade, fixéronos baixar do vehículo e camiñar por unha pista.

Os dous ían coas mans amarradas ás costas e atados un ao outro polos cóbados.

A pesar de que o instigador da represalia parece ser que acabara arrepentíndose, non puido convencer a algúns dos que o acompañaban e evitar o asasinato dos seus veciños.

Atravesado polas balas do fusil do garda civil, José era o primeiro en caer. Maximino, que presa do pánico se desligara das ataduras que o unían ao seu irmán, escapou a correr, caendo ao chan uns metros máis adiante, desequilibrado ao saltar o muro dunha viña. Alí mesmo recibiría os disparos mortais da pistola dun dos falanxistas.

Abandonando os cadáveres naquela paraxe de Taragoña, a criminal partida regresaba a Boiro para, amparada por unha total impunidade, continuar coa represión.

O xulgado de Boiro atopábase neste inmoble de Cimadevila

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

A derradeira viaxe dos irmáns Somoza Piñeiro