ribeira / la voz

O Partido Galeguista (PG) demostrou unha extraordinaria capacidade de convocatoria porque foi quen de xuntar onte en Rianxo a máis de vinte entidades e organizacións políticas con motivo do 134 aniversario do nacemento de Daniel Rodríguez Castelao, o galego máis universal, o primeiro presidente de Galicia, como se constataba nunha frase remarcada no cartel anunciador. E a xornada non foi só de celebración, senón tamén de reivindicación a prol dunha Galicia ao mesmo nivel que Cataluña e o País Vasco, polo que xurdiu unha arenga de unidade política para conseguilo, apelando á memoria do autor de Sempre en Galiza e a histórica revista da que foi o máximo impulsor, Nós, que este ano cúmprese o centenario da súa primeira publicación. 

Paseniño foron intervindo preto de vinte persoas, incluído o alcalde, Adolfo Muíños, que deu a benvida ao numeroso público que abarrotaba o salón nobre da casa do concello, especialmente a Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda, ao que non coñeceu porque súa nai estaba embarazada dela cando foi asasinado; e a Teresa, que coidou ás irmás de Castelao durante corenta anos e que recibiron con emoción as mostras de cariño.

Ao longo dos discursos houbo mensaxes transversais e un sobresaíu entre todos: unha chamada á unidade de acción para conseguir que Galicia non volva a quedar excluída dos cambios que, segundo conclusión unánime, vanse producir en España.

Previamente, Francisco López, Chesqui, subliñou que o Partido Galeguista, do que é secretario xeral, séntese en Rianxo como na súa casa, motivo polo cal cada ano convoca este acto de «reafirmación da universal identidade galega» e lembrou que este sentimento vén de lonxe porque Ramón Martínez López, que fora presidente da formación, decidira que o partido non podía presentar candidaturas en Boiro -onde nacera- nin en Rianxo, por seren «as nosas casas».

Tanto Chesqui como Xesús Suárez, presidente do Partido Galeguista, apelaron á resposta que atoparon en todas as organizacións asistentes para tratar de cambiar o rumbo político en Galicia.

Pluralidade

Os que foron intervindo destacaron, entre outras cousas, que por primeira vez en moito tempo pode haber cambios no Estado e en Galicia, e é necesario organizarse e xuntarse arredor dun obxectivo común, que recoñeza a pluralidade e os aspectos diferenciadores galegos.

A figura de Castelao, que preside a estancia na que se celebrou o encontro, foi a referencia da maior parte das manifestacións que se foron facendo públicas, entre elas, a do presidente da Fundación Castelao, Davide Otero, que proclamou, dirixíndose ao rianxeiro «ti non estás morto, porque non existe a morte, pero si o esquecemento. E nós non te esquecemos».

Tamén aludiu ás ensinanzas de Castelao en Sempre en Galiza ou Cousas Goretti Sanmartín, das que proclamou a súa vixencia; mentes que Luís Villares reivindicou a irmandade, o autogoberno e o legado de Daniel Rodríguez, do que dixo, que, se escribise hoxe Os dous de sempre, serían As dúas de sempre, nun chisco á igualdade de xénero.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
6 votos
Comentarios

O galeguismo apela a Castelao e a «Nós» para fornecer o sentido de país