Alberto Martínez: «De neno ía para a portería de Pajarillo»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

TANIA MARTÍNEZ

O meta de Barraña enfróntase ao seu vello equipo, o Puebla, co obxectivo de devolverlle o golpe do primeiro derbi

17 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Martínez (Boiro, 1996) regresou este curso ao equipo da súa infancia, o Boiro. Recorda cando era un rapaz e ía a Barraña, como vibraba con cada gol, como soñaba con ser el quen defendera esas porterías. Tocaralle facelo este domingo contra o Puebla, conxunto que lle abriu o pasado curso as portas do fútbol barbancés. Será un derbi, especial, si, pero só pensa nos tres puntos.

-Como chegan ao partido?

-A verdade é que tranquilos. É un derbi, pero son tres puntos máis. Temos en conta que na ida nos gañaron, e sempre queda esa espiña. Pero o obxectivo é o mesmo ca noutro partido calquera, dános igual que sexa o Puebla, o Fisterra ou o Viveiro.

-Teñen semanas importantes por diante.

-Este é un mes clave, ata o carnaval, cando temos que recuperar o partido aprazado. Logo veremos onde nos coloca a clasificación. Se acadamos bos resultados podemos vernos arriba. E se sae máis truncado, pois teremos que reforzarnos igualmente. Pero eses encontros vannos situar onde nos corresponde.

-Agora dependen de si mesmos.

-Dependemos de nós, a ver, o Viveiro está máis escapado, pero atopámonos á par do Fisterra. Pero, si, se gañamos todo o que queda estamos en Terceira [ri].

-Chegou esta tempada a Boiro. Xa xogara na canteira?

-Empecei con 6 anos, de benxamíns a infantís. Logo marchei para o Arosa, estiven catro anos, ata que fun para Vigo a estudar a fichei no Val Miñor. Xoguei uns anos en Preferente Sur e o ano pasado, no Puebla.

-Como foi esa última etapa?

-A verdade é que moi ben. Cando estaba en Vigo xa tiña ganas de xogar nesta zona. Na tempada anterior á que fichara xa se puxeran en contacto comigo. Estaba no Alertanavia e díxenlles de esperar. Dende que cheguei tratáronme moi ben. Non podo dicir nada malo deles. De feito, cando foi de vir para o Boiro tiven dúbidas por ese motivo, polo trato. Pero tiña ganas de volver. Cando era pequeno, tanto meu pai coma min estivemos moi ligados ao club. Changui acabou de convencerme co proxecto, pero estoulle moi agradecido ao Puebla.

-E agora como se atopa?

-Sempre tes a ilusión de volver a xogar no teu pobo, diante dos teus veciños. Acudía tódolos domingos a Barraña, de neno ía para a portería de Pajarillo a ver os partido. Agora tócame a min defendela.

-O primeiro derbi non foi sinxelo. Perderon con contundencia.

-Si, pero na pretempada estivemos moi ben, con confianza. En ningún momento cambiamos a forma de adestrar. Foi un lapsus, un mal partido. Xuntouse con que os dous seguintes encontros tamén os perdemos, pero foron erros puntuais, logo estivemos 13 ou 14 xornadas sen caer. No partido contra o Puebla si que merecemos perder, pero os do Fisterra e Viveiro creo que non. Parecía que pintaba mal, pero estabamos moi tranquilos, así nolo transmitiron Luis [Santiago] e Changui. Sempre se enfocaron os adestramentos igual, mantivemos a calma en todo momento. Todos confiabamos no proxecto.

-Vai ben a tempada...

-Por agora si, creo que se nos dixeran en xullo ou agosto que íamos a chegar nesta posición, e tendo tantos partidos na casa, creo que calquera firmaría. Estariamos mellor no sitio do Viveiro, pero... [ri].

-E as claves do encontro do domingo onde estarán?

-Eu creo que será un partido moi igualado, máis sendo un derbi, oxalá me equivoque. Aínda que poidamos partir coma favoritos pola clasificación. Vaise decidir por detalles, o que menos erros cometa nas áreas, o que mellor estea atrás... ou tamén no acerto dos dianteiros. Espero un resultado bastante parello.