Rogelio Freijo: «Tentei que a xente tivese conciencia de parroquia»

p. bretAl

BOIRO

MARCOS CREO

O párroco de Santa Baia aposta pola unión dos veciños nesta celebración

10 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Rogelio Freijo Canosa converteuse en párroco de Santa Baia en outubro do 2011. Dende ese momento deixouse a pel para que as festas patronais fosen a máis, pero non só no espiritual ou no lúdico, senón na propia esencia de fraternidade e unión que acompaña a esta celebración en Boiro.

-Que significan estas datas para o pobo boirense?

-As festas patronais sempre foron moi festexadas. Noutros tempos nos que non había tanto desenvolvemento como agora, as familias aproveitaban para xuntarse e comer xuntos, aínda que quizais non era unha comida de marisco. Participábase tamén na procesión e nas misas. Na actualidade, perdura este sentimento e vese en que os veciños colaboraron moito coa festa, comprometéndose a xuntar os donativos e dedicando tempo e traballo a este feito.

-Podería acercarnos algo da historia de Santa Baia?

-Sempre facemos memoria da santa, dunha nena, dunha moza que foi capaz de entregar a súa vida pola fe en Xesús. Pero, sobre todo, lémbrase a aquelas persoas que nos comezos da celebración tiveron esa iniciativa ou esa devoción de escollela como patroa. Os que tiveron o mérito foron eses fregueses.

-Como ve a evolución das festas de Santa Baia?

-Nestes últimos tempos, as festas foron a máis. Tentei que a xente tivera conciencia de parroquia, pois cando esta ten un acontecemento así, os veciños únense e son capaces non só de facer festa, senón de estar xuntos e axudarse cando hai outro tipo de situacións. Iso si, a festa é necesaria, pois sen unhas datas de alegría sería moi triste. E por iso tentamos ter tamén algo para todos, tanto para os maiores como para os cativos. Rezar tamén é bo e temos que facelo, pero non só a persoa vive da oración. A comida, o baile son moi importantes e débeselle ás persoas que colaboraron para facer esta celebración posible. Tamén quero agradecerlle toda a implicación ao Concello de Boiro.

-Como vive vostede estas datas e os seus actos?

-Tento vivir a celebración con todo o esforzo, seriedade e fe posibles. Aos santos sempre lle pedimos algo e ao mellor dámoslle unha esmola, pero eu penso que o que temos que facer é amosarlle as nosas actitudes de amor cara todos. Incluso cara aqueles que poñen cambadelas. Non é doado. Tamén hai xente que acende velas, pero volvemos ao mesmo, esa luz ten que ser un reflexo da propia persoa.

- Santa Baia é só para os veciños da parroquia e da vila?

-Para nada. Á procesión acoden persoas doutras partes como de Ribeira, de Rianxo, da zona de Tállara en Lousame ou de Noia. Tamén hai que sinalar que as parroquias veciñas implícanse moito, como os casos dos veciños de Abanqueiro, Cabo de Cruz, Cespón, Bealo ou A Magdalena.

-Que lle diría aos que aínda dubiden en sumarse aos actos de Santa Baia?

-En todas as celebracións rezo polos enfermos e polas familias con algún tipo de dificultade, sexan da parroquia ou non. Nunha celebración así, pediríalle á xente que se implique nela e se una a esa oración de Eucaristía por estas datas, pois, dalgunha maneira, todos somos os beneficiados.

Programa de hoxe: Procesións e bendición do belén

A xornada de hoxe é a que homenaxea á propia patroa das festas, Santa Baia, e que concentrará varios actos relixiosos, así como a esperada bendición e inauguración do belén parroquial. As alboradas a cargo dos grupos de música tradicional Arume e Pedra de Aroña conformarán as citas iniciais do día. Ás 12.00 horas, está prevista a primeira das misas solemnes e, ao seu remate, a procesión.

Carlos Nieto desvelará o seu novo traballo no seu nacemento que será bendicido ás 19.45 horas, nun acto no que o párroco Rogelio Freijo convida especialmente a todas as familias boirenses a asistir. Acto seguido, terá lugar a segunda misa solemne e a última procesión da xornada.