María Ángeles Suárez: «Hei de animar aos meus fillos a arbitrar»

S. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

DANI GESTOSO

A boirense recoñece que ten que convivir cos insultos, pero tamén que hai moita xente que defende o seu traballo

04 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai falla moita valentía para vestirse de curto e dirixir un partido. A María Ángeles Suárez (Boiro, 1979) sóbralle. Ela é unha das poucas mulleres que arbitran no fútbol barbancés. Confesa que é unha tarefa por veces ingrata, pero quédase coa outra cara dunha afección que só lle ten dado centos de boas tardes e recordos.

-Por que deu o paso?

-Sempre me gustaron os deportes. Un día atopeime un letreiro en Boiro e decidinme a probar. Gustoume como mo pintaron, empecei as clases e a verdade é que me atrapou.

-Non é unha tarefa sinxela.

-Xa, pero a verdade é que me gusta. Hai traballos que fas só polos cartos. Arbitrar é distinto.

-Cal é a cara máis amable desde mundo?

-A verdade é que os pais e o público teñen mala fama, pero eu atopeime a moita xente que me felicita, que me di que o fixen ben. Ao principio, de feito, emocionábame. Ves que non todos che insultan, senón que cho agradecen. Sempre hai un equipo que perde ou empata, e, cando é o teu, protestas unha falta aínda que non a sexa. Hai xente así, pero tamén outra que che defende e dá a cara por ti.

-Sempre fai falla unha xuíza.

-Claro, teñen que darse de conta que grazas a nós están competindo. Podémolo facer peor ou mellor... Xa te fixas na tele, con liñas e VAR, e aínda así non están de acordo coas decisións. Imaxínate nós, que somos un só. Eu adoito dicir que non me importa quen gane, pitarei o que vexa. Pódome confundir, pero non para danar a un equipo e beneficiar a outro.

DANI GESTOSO

-E cal sería a peor parte?

-Escoitar insultos... sobre todo cando sabes que o fixeches ben. Cando estou segura ao 100 % dóeme moitísimo. Pero non me pasa moito, igual é por ser muller, pero aos meus compañeiros insúltanos máis, e non é grato velo. Non me gustaría levar aos meus fillos ao campo e que viran como insultan a súa nai. Pouco a pouco vaise mellorando.

-Como leva unha actividade practicamente de homes?

-Pois ben, a verdade, pero tamén teño moito carácter. Intento adaptarme a eles, sen chegar á confianza. Podo ser amiga fóra do campo, pero dentro do terreo de xogo son a árbitro, e aí non son amiga de ninguén. Adoitan tratarme ben, non sei o motivo, pero é o que me pasa.

-Hai moita diferenza entre pitar a rapaces e a rapazas?

-Físicamente lévase mellor coas nenas, pero hai algunha que ten tela. Igual de muller a muller nos sobrepasamos máis. Tamén che digo, acontecíame máis cando comecei. Agora intento levalas doutra maneira, máis light.

-Polo que vexo, a súa experiencia na arbitraxe é máis que boa.

-A verdade é que si, teño un delegado e uns compañeiros que son xeniais. Gústame informarme de todo e, se un xogador me pregunta algo, poder responderlle. Imaxínate que hei de animar aos meus fillos a arbitrar. Cando lle desexas iso a un fillo é porque che gusta.

Corta e ao pé

Un xogador: Bernd Schuster

Un estadio: Santiago Bernabeu

Un gol: O de Sergio Ramos no minuto 93 para gañar a décima

Un adestrador: Vicente del Bosque

Un ídolo: Raúl González, un loitador

Unha película: Pretty woman

Un lugar: Cartagena, nun barco dende o medio do mar

Unha comida: As ostras

Un soño: Era ser nai, e agora, ser feliz xunto a xente que quero

Un equipo de lenda: Real Madrid

Un deporte que non sexa o fútbol: Voleibol, meus fillos xógano

Unha canción: Destino o casualidad de Melendi e Mirando pa ti, do Arrebato