Onde están O Inferniño e Rascacú?

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BOIRO

MARCOS CREO

A rica toponimia da bisbarra agocha nomes de lugar do máis curioso. Algúns teñen unha orixe clara, outros non tanto, pero todos forman parte do patrimonio barbancés

26 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia é a rexión europea con maior densidade de topónimos por quilómetro cadrado. Só na comarca do Barbanza hai contabilizados máis de vinte mil, e semellante abundancia de nomes de lugar dá moito de si. Tanto, que permite que un poida viaxar a Corea ou a Exipto, e ata o mesmo inferno, sen saír das fronteiras barbancesas. Aldeas, lugares, terreos de labranza, partes concretas dos núcleos, pedras, fontes, lavadoiros e mesmo construcións teñen unha denominación propia que perdura co paso dos séculos e que agocha múltiples curiosidades que non sempre son fáciles de explicar.

Unha das sorpresas atópase no concello da Pobra. Haberá quen se asuste ao saber que neste municipio hai xente que vive no Inferniño. En concreto, son arredor dunha ducia os veciños deste pequeno núcleo da parroquia de Posmarcos que, previsiblemente, debe o seu nome a que se trata dun lugar pouco apacible no que as condicións de vida eran duras. Vicente Feijoo, experto en toponimia da Real Academia Galega (RAG), sinala que unha cousa é o significado dun nome concreto e outra a motivación que levou aos devanceiros a elixir unha denominación para un lugar determinado. Porén, hai sitios nos que a explicación está bastante clara, e este é un deles. «Hai moitos Inferniños por toda Galicia nos que, pola súa situación ou condicións orográficas, non se vivía nada ben».

En contraposición a estes infernos particulares existen outros topónimos que indican xusto o contrario, e na comarca podemos atopar Vista Alegre en varios municipios, ou Solleiro, en Muros, que probablemente recibiu ese nome por tratarse dun sitio con moito sol.

Plantas e animais

Rascacú é outro dos topónimos que máis chaman a atención no longo listado de nomes de lugar da comarca do Barbanza. Está en Aguiño, e podería deber esa curiosa denominación a unha planta, xa que o rascacú, tamén coñecido como xilbarda ou xilbarbeira (Ruscus aculeatus), é un arbusto da familia das liliáceas.

E se abundan os microtopónimos que fan alusión a especies vexetais, como pode ser Xestoso en Carnota ou Detrás das Figueiras en Boiro, tamén hai alusións a animais. En Xuño atópase un sitio denominado Moucho, e no Araño, no municipio de Rianxo, está Cantalarrana. Non está moi clara a súa orixe, pero a sabedoría popular atribúe esa denominación á abundante presenza de ras, unha explicación que parece bastante lóxica tendo en conta que se trata dun lugar húmido situado preto dun río.

A lóxica tamén permite adiviñar a orixe doutro rechamante topónimo rexistrado na comarca, Pocilgas. Está en Porto do Son, na parroquia de Xuño, e por se había algunha dúbida Joaquín Torres del Río recolle no seu libro A toponimia no concello de Porto do Son. Bases para unha sistematización que a denominación fai referencia a unha «poza sucia ou cortello».

Menos transparentes

Máis difícil resulta determinar a orixe doutros nomes cos que se coñecen algúns lugares da bisbarra. Vicente Feijoo explica que existen topónimos transparentes, que proceden da Idade Media en diante, e nos que é máis doado identificar a raíz latina, e opacos, máis difíciles de descifrar. Neste último apartado ben podería enmarcarse outra das denominacións que fan alusión a lugares da parroquia de Xuño: Bistipoi. Segundo conclúe Torres del Río na súa publicación, podería estar composto por dúas raíces xermánicas que significan ‘monte de pasto’.

Máis sinxelo é dar coa explicación a que en Roo, no concello de Outes, exista un lugar chamado A Xurisdición. Este tipo de denominacións tamén se repiten ao longo da xeografía galega, e o máis probable é que fagan referencia á existencia dun marco que delimitaba o territorio.

Benibás, na parroquia boirense de Cespón; A Perecha, en San Mamede de Carnota; O Pirillueiro, en Noia; ou Millón, en Fruíme, son outros dos pequenos núcleos -a maioría andan na trintena de habitantes- bautizados con nomes curiosos que enriquecen o patrimonio inmaterial barbancés.

Topónimos cariñosos

E entre as curiosidades que amosa a toponimia barbancesa merecen un apartado propio os nomes máis melosos da comarca. En Boiro, concretamente en Bealo, atópase Bico de Mar, unha pequena península que se adentra na ría en Beluso.

En Lousame está Carantoña, aínda que en galego non ten o significado de aloumiño ou caricia senón que é unha cara fea, unha careta ou un xesto que deforma o rostro. De calquera xeito, é difícil saber por que se elixiu esa denominación: «Unha cousa é o significado dunha palabra, e outra son as motivación que levaron a empregala». Algo semellante ocorre con Cariño, en Boiro. Explica Vicente Feijoo que o topónimo non ten nada que ver cos afectos, e que existen dúas teorías para o seu uso: «Pode vir dun nome do posuidor da terra, que sería Carinius, ou ben proceder da raíz prerromana car-, que significa ‘pedra’».